A contorna do centro social de Cerponzóns, un ámbito no que tamén hai un parque infantil, é a zona elixida polo Concello de Pontevedra para habilitar un núcleo de centralidade na parroquia que se converta nun espazo de convivencia para os veciños.
A concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña e o coordinador do Rural, Demetrio Gómez, trataron este proxecto transformador co Consello Parroquial de Cerponzóns. Trátase dun proxecto aberto a suxestións e cuxo proxecto, unha vez definido na súa totalidade, será presentado á veciñanza.
Así, os propios veciños están colaborando na definición dun plan de necesidades e avaliarán todo o programa de actuacións.
O obxectivo é actuar en cuestións como o calmado de tráfico, o acoutamento dun área de aparcamento, melloras na área de xogos infantil e nas rúas perimetrais ou a instalación de equipamentos, cuestións todas elas nas que se consultará a opinión dos veciños.
Ademais, os concelleiros levaron ao Consello Parroquial o material que formará parte da exposición permanente sobre a historia e a xente do lugar que estará no centro social e que o identificará como o espazo comunitario que é. A previsión é que a exposición permanente sexa realidade antes de que remate o ano.
Por outra banda, informóuselles tamén do estado da tramitación do proxecto de construción dun campo de fútbol de herba sintética, obra que xa está en contratación.