Chamada de auxilio no lugar do Castrado en Cerponzóns ante a presenza de catro niños de velutinas

Pontevedra
31 de outubro 2020

A Asociaciónde Veciños O Chedeiro de Cerponzóns alerta da presenza de milleiros de avespas preto das casas onde residen persoas de idade avanzada, asustadas ante un posible ataque nunha zona onde pasan peregrinos que fan o Camiño a Santiago. Denuncian que o 112 alega que non se poden eliminar porque os niños están nunha zona de río protexida medio ambientalmente

Niño de velutinas no Castrado, Cerponzóns
Niño de velutinas no Castrado, Cerponzóns / Asociación de Veciños O Chedeiro

Miles de avespas velutinas sobrevoan o lugar do Castrado, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns. Alí, nas proximidades do río instaláronse estes perigosos insectos creando catro niños en ramas do arboledo situado a quince metros das vivendas.

A situación está a provocar nerviosismo entre a veciñanza, formado principalmente por persoas de idade avanzada que temen o ataque destas avespas, xa que moitas se achegan ás vivendas para alimentarse de flores que hai na contorna. Entre a veciñanza tamén hai algún que sofre  probllemas de alerxias co consecuente perigo que supoñería unha picada.

Un dos veciños púxose en contacto co Servizo de Medio Ambiente. A resposta deixoulle sorprendido. Desde os servizos de emerxencias indícanlle que estes niños se atopan na banda de seguridade do río e non se poden eliminar por risco medio ambiental. 

A pesar da insistencia, desde o departamento indícaselles que o tema está pechado porque non poden intervir nesta zona para eliminar os niños. Por este lugar tamén se desprazan moitos peregrinos seguindo o roteiro do Camiño Portugués a Santiago.

Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns reclaman unha actuación inmediata antes de que se poida producir algún accidente entre a veciñanza.

As avespas velutinas chegaron hai dez anos a España procedentes de Francia. Eliminan colmenas de abellas con facilidade e resultan unha ameaza para as persoas. Este mesmo ano faleceron un veciño de Poio, outro de Santiago e un último na Laracha (A Coruña) como consecuencia do ataque destes insectos.

Arquivado en