Na rúa Peregrina está Grano de Oro, unha tenda especializada na venda a granel de herbas aromáticas, especias, infusións medicinais, café ou té, entre outros produtos naturais.
Desde hai un tempo no seu escaparate está pegado un cartel coa bandeira de Palestina o que provocou a airada reacción dalgunhas persoas: "Ha pasado gente insultándome, llamándome nazi", afirma Adela Granados, responsable do establecemento.
"Las cosas están al revés. No tiene sentido que a mi me llamen nazi por tener una bandera de Palestina. Es absurdo", lamenta a comerciante.
Precisamente neste establecemento, "como algo simbólico", o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu inicio este luns a unha campaña municipal "para visibilizar este xenocidio que están exercendo os israelitas contra o pobo palestino".
Lores destacou a "valentía" de Adela Granados por colocar a bandeira de Palestina.
O alcalde de Pontevedra recalcou a importancia de que a cidadanía exprese o seu rexeitamento e condena a "masacre contra un pobo enteiro".
"A min paréceme unha tolemia, non sei como interpretalo, porque estamos no século XXI e estanse asasinando nenos á vista de todo o mundo, televisado, e os posicionamentos de todo o mundo en xeral, e sobre todo os organismos internacionais son excesivamente tímidos", dixo o alcalde de Pontevedra.
"A sociedade ten que rebelarse contra esta situación" apunta o rexedor nacionalista.
A campaña que hoxe se pon en marcha repartirá e porá a disposición do comercio e a hostalaría local carteis onde se le "Pontevedra con Palestina" escrito sobre a bandeira deste pobo.
Aquelas persoas que voluntariamente queiran participar e exhibir un destes carteis no seu negocio poderán dispor deles na Oficina de Turismo da Alameda e na sede municipal da rúa Michelena, 30.
"Agradecemos que todas as persoas que queiran colaboren e amosen o seu apoio contra as accións terribles que se están a cometer en Palestina", afirmou Lores.
