Chega a noite para escoitar os sons dos morcegos no Gafos

Pontevedra
26 de agosto 2022

Este sábado 27 de agosto celébrase a noite europea dos morcegos e a asociación ecoloxista desenvolve unha xornada de captura, estudo e explicación das características destes animais en colaboración coa Asociación Morcegos de Galicia, dentro das actividades de Ponteverán

Exploración de morcegos no río Gafos con representantes de Morcegos Galicia
Exploración de morcegos no río Gafos con representantes de Morcegos Galicia / Vaipolorío

Este sábado 27 de agosto celébrase a noite europea dos morcegos e a asociación ecoloxista Vaipolorío desenvolve unha xornada de captura, estudo e explicación das características destes animais en colaboración coa Asociación Morcegos de Galicia, dentro das actividades de Ponteverán, que promove o Concello de Pontevedra, a través da oficina de Xuventude.

Ao longo da noite do sábado integrantes de Morcegos de Galicia, especialistas no estudo destes mamíferos, ofrecerán datos sobre estes animais e desmitificarán as falsas lendas que existen sobre eles. Ademais, as persoas que participen terán a oportunidade de escoitar os sons que emiten.

Esta actividade leva anos celebrándose en sesión nocturna na contorna do río Gafos nesta data coa intención de achegar coñecemento sobre os morcegos á poboación máis nova.

AGRADECEMENTOS AOS AXENTES MEDIO AMBIENTAIS

A directiva de Vaipolorío tamén agradece a intervención dos axentes medio ambientais da Consellería de Medio Ambiente que, durante a última xornada, interviñeron para evitar a morte masiva de troitas e peces no leito do río Gafos, debido ao esgotamento hídrico que se está rexistrando motivado pola seca.

A asociación xa alertara do descenso de fluxo de auga con tramos do río completamente secos. Aprovéitase para salvar ás especies as pozas e fluxos subterráneos que achegan osíxeno, segundo o colectivo, nestes momentos de angustia biolóxica.