Chegan os artesáns á praza do Teucro

Pontevedra
17 de decembro 2014

PonteNadal, a feira de Artesanía e Agasallo abre as súas portas este venres

Carlota Román e Miguel Lago PontevedraViva

Trinta e cinco artesáns chegados, na súa meirande parte, da provincia de Pontevedra, instalaránse estes días na céntrica praza do Teucro para participar nunha nova edición da Feira de Artesanía e Agasallo PonteNadal.

A feira abre este venres e permanecerá operativa ata o 5 de xaneiro, en horario de 11 a 14 horas e de 17 a  22 horas.

Este certame xa está consolidado logo de 14 anos consecutivos, segundo salientaron na súa presentación a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago.

O horario da feira será de 11 a 14 horas e de 17 a  22 horas

Carlota Román destacou que PonteNadal demostra todos os anos o seu poder de atracción gracias a unha oferta diferenciada, que aposta polo produto singular e local. Obxectos feitos a man e moi distintos dos que se poden atopar en calquera gran superficie de calquera lugar do mundo, onde predominan os produtos industriais e despersonalizados.

Miguel Lago coincidiu en que na praza do Teucro pódense atopar os regalos máis orixinais e subliñou que a oferta cobre campos tan distintos como o coiro, a cerámica, a bisutería, a prata ou os complementos.

Ademáis dos artesáns locais tamén haberá dous representantes que veñen dende Asturias e Zaragoza con propostas moi singulares. Haberá tamén presenza de tres oenegués: Solidariedade Internacional, Amencer-Aspace e a Asociación Alba.

A concelleira destacou que a feira de artesanía vén completar outras iniciativas que promove directamente o seu departamento municipal como Pontexogos (o programa que se oferta dende a praza de España para facer posibles as compras do Nadal co coidado dos nenos) e a Feira de Doces de Convento, pensada para dinamizar a Praza de Abastos na campaña de Nadal.