A choiva volve ás Rías Baixas esta semana

Pontevedra
25 de agosto 2025
Actualizado: 7:25

Tanto a Axencia Estatal de Meteorología (Aemet) como de Meteogalicia, da Consellería de Medio Ambiente, coinciden en sinalar que as precipitacións se xeneralizarán este mércores

Nubes no ceo

O paraugas volverá ser un complemento necesario nas Rías Baixas. Tanto a Aemet como Meteogalicia coinciden: esta semana regresan as choivas.

O día crave será o mércores 27, especialmente pola tarde, cando se espera que as precipitacións sexan máis intensas. De feito, Meteogalicia estima un 90 % de probabilidade de choiva e a Axencia Estatal de Meteorología eleva esa porcentaxe ao 100 %. Aínda que antes diso, non se descarta que o martes pola mañá caia algún chuvasco débil.

E iso non é todo: a choiva podería quedar varios días máis, acompañada dun descenso nas temperaturas. Así que, ademais do paraugas, non estará de máis ter a man unha chaqueta lixeira.

De momento, este luns Galicia estará nunha zona intermedia entre altas presións e unha borrasca atlántica. Teremos bastante nube baixa e néboas pola mañá no norte e oeste, pero a tarde preséntase máis clara. As mínimas subirán un pouquiño e as máximas baixarán lixeiramente. O vento soprará frouxo, cambiando a suroeste ao final do día.

Os cambios empezan o martes cando unha fronte pouca activo, asociada ao ex-furacán Erin, achegarase desde as Illas Británicas. A metade oeste de Galicia verá ceos moi nubrados e algunhas choivas débiles, que se irán desprazando cara ao interior. Ao mesmo tempo, abriranse algúns claros na costa. As temperaturas baixarán un pouco máis e o vento cambiará de dirección, soprando do suroeste e despois do norte-noroeste.

As previsións apuntan que o mércores será o día máis chuvioso da semana. Esta fronte atlántica traerá ceos cubertos e precipitacións xeneralizadas, especialmente intensas na franxa atlántica. As temperaturas máximas caerán moderadamente e o vento cambiará de suroeste a noroeste a medida que avance a fronte.

Pero non todo son nubes grises, de cara ao fin de semana, as previsións apuntan a unha recuperación das altas presións, o que podería traernos unha mellora do tempo.

Así que, toca semana con sabor a outono anticipado con paraugas e aire fresco.