A cidadanía participa no deseño da estratexia verde de Pontevedra

Pontevedra
09 de novembro 2025
Actualizado: 16:22

Pontevedra debuxa o seu futuro ambiental nas Tribunas Medioambientais RedeVerde. Veciñanza, expertos e colectivos elaboran unha folla de ruta pola renaturalización da cidade

Tribunas Medioambientais RedeVerde Concello de Pontevedra

A veciñanza, expertos e colectivos sociais están a debuxar estes días un diagnóstico compartido sobre o futuro ambiental da Boa Vila. Son as chamadas Tribunas Medioambientais RedeVerde.

Este foro de diálogo está organizado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Fundación Biodiversidad e a Universidade da Coruña.

As xornadas combinaron mesas de traballo, obradoiros e rutas por espazos naturais clave. O resultado foi un proceso participativo que sitúa a Pontevedra na vangarda do urbanismo verde e colaborativo.

Os participantes coincidiron en destacar os puntos fortes que fan de Pontevedra un modelo recoñecido, pola abundancia de zonas verdes, o "tamaño humano" da cidade, a mobilidade peonil, as áreas fluviais e periurbanas e unha calidade de vida que se mantén grazas aos baixos niveis de contaminación.

Tamén se puxo en valor o tecido social comprometido e organizado, esencial para impulsar proxectos ambientais duradeiros.

Non obstante, o diagnóstico tamén sinalou retos importantes, como as zonas inundables, o crecemento dun turismo descontrolado, o aumento de temperaturas extremas ou as carencias na rede de carril bici e no transporte público cara ao rural.

Lonxe de verse como problemas, estes aspectos foron interpretados como oportunidades para actuar.

O consenso apuntou á necesidade de protexer os corredores fluviais, ampliar a gobernanza ambiental, preservar as especies autóctonas e vincular a renaturalización cun turismo sostible e responsable.

Entre as intervencións, destacou a ponencia de Francisco Alberto Varela, da Universidade da Coruña, quen presentou a estratexia de infraestrutura verde como ferramenta clave para conectar espazos naturais, promover a biodiversidade e adaptar a cidade ao cambio climático.

As xornadas tamén deron visibilidade a proxectos xa en marcha e recoñecidos pola súa eficacia, como a restauración do río Gafos ou as rutas pola marisma do Alba, exemplos claros de recuperación medioambiental.

Tamén se subliñou o traballo interdisciplinar do equipo da arquitecta Mercedes Fernández Díaz na restauración de marismas.

Tribunas Medioambientais RedeVerde    Concello de Pontevedra

Antes das tribunas, o Concello puxo en marcha os "Laboratorios verdes", unha iniciativa que levou a educación ambiental ás aulas de nove centros escolares do municipio: Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Luís Seoane, Froebel, San Martiño, Parada-Campañó, Vilaverde-Mourente, Marcos da Portela e Cabanas.

O alumnado explorou a biodiversidade dos seus barrios, identificando especies vexetais e animais, e participou en talleres sobre reciclaxe, compostaxe e uso responsable dos recursos.

Estes laboratorios fomentaron a curiosidade científica e a conciencia ecolóxica desde idades temperás, demostrando que a educación é unha das mellores ferramentas para construír unha cidade máis verde e resiliente.

As Tribunas Medioambientais RedeVerde remataron cunha folla de ruta elaborada pola cidadanía, que reclama dar continuidade ás accións e aplicar de maneira práctica o coñecemento xerado.

A principal conclusión é renaturalizar Pontevedra é tamén fortalecer o turismo sostible e o comercio local, consolidando o modelo de cidade de proximidade que a distingue en todo o mundo.

Tribunas Medioambientais RedeVerde    Concello de Pontevedra

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora