Crear un rexistro de empresas ás que se lles faga chegar todas as ofertas de contratos menores que licita o Concello de Pontevedra. É o que solicita Cidadáns nunha moción presentada para o seu debate no pleno, co que buscan que haxa unha maior transparencia na xestión deste tipo de adxudicacións.
A concelleira María Rey criticou que a moción na que se recolle esta proposta volvese ser rexeitada en comisión polo Bloque, algo que, nas súas palabras, "demostra unha absoluta falta de interese en mellorar en transparencia".
A moción presentada por Cidadáns prevé a posta en marcha deste rexistro, ao que poderían acceder todas as empresas do municipio interesadas, así como a publicación na web municipal de todas as licitacións menores realizadas ata a data e as próximas e a elaboración dun protocolo que unifique os criterios de tramitación.
"Queremos que se mellore a xestión en transparencia, para que todas as empresas teñan acceso a contratos menores en igualdade de condicións; é dicir, que se conte con todas, non só coas afíns", manifestou Rey.
A edil de Cidadáns asegura que moitas empresas non poden acceder a grandes contratos, pero si aos menores, polo que sinalou que se hai outros concellos que publican todas estas adxudicacións, "non entendemos por que non o de Pontevedra".