A CIG mobilízase este 1º de maio contra o espolio de Galicia e a militarización

Pontevedra
29 de abril 2025
Actualizado: 30 de abril

O sindicato nacionalista denuncia a falta de políticas industriais propias e a exportación dos recursos enerxéticos e naturais galegos sen beneficio para o país

Diana Rodríguez e Marcos Conde, da CIG
Diana Rodríguez e Marcos Conde, da CIG / Mónica Patxot

A Confederación Intersindical Galega (CIG) en Pontevedra celebrará este xoves 1 de maio unha xornada de mobilización en defensa dos dereitos da clase traballadora galega e contra as políticas neoliberais que, segundo denuncia a organización, están a provocar o espolio dos recursos de Galiza.

Nunha rolda de prensa celebrada na sede da CIG, o secretario comarcal, Marcos Conde, acompañado de Diana Rodríguez, integrante da executiva, presentaron os eixos da convocatoria, que terá lugar ás 12.00 horas desde a praza da Ferrería en Pontevedra, á mesma hora desde a Praza do Mercado na Estrada e ás 11.30 horas desde a Casa do Mar en Vilagarcía de Arousa.

Conde sinalou que "estamos nun momento de confrontación absoluta" onde "as políticas neoliberais e o capitalismo son os adalides da guerra", fomentando o medo e incrementando o gasto militar. "Non é investimento en defensa, é compra de armas", denunciou.

O representante sindical criticou duramente a falta dun proxecto industrial para Galicia: "Non hai un plan de futuro, non hai grandes proxectos máis alá do Camiño de Santiago e de converter Galiza nunha gran finca de eucaliptos".

Neste sentido, mencionou dous exemplos recentes: o proxecto de Altri, que "transforma a paisaxe galega nun monocultivo de eucalipto sen pechar o ciclo produtivo", e a mina de Doade, que xerará "só cen postos de traballo directos" mentres o litio extraído será procesado en Zaragoza, onde se crearán 4.000 empregos.

"Galiza é boa para expoliar e non para montar unha fábrica de baterías?", cuestionou Conde, quen tamén denunciou que "sendo exportadora de enerxía, os beneficios van para outro lado".

A CIG celebrará a manifestación do 1º de Maio de xeito independente, sen unidade sindical con UGT e CCOO, organizacións que, segundo Conde, "xa perderon a condición de clase traballadora" por dar "por boas as últimas reformas de negociación colectiva, as reformas das pensións e as reformas laborais".

A mobilización do 1º de maio en Pontevedra rematará na praza do Teucro.

Presentación da manifestación do 1º de Maio da CIG
Presentación da manifestación do 1º de Maio da CIGMónica Patxot

CONSECUENCIAS DO APAGAMENTO

Pola súa banda, Diana Rodríguez abordou as consecuencias do apagamento eléctrico ocorrido o luns 29 de abril, sinalando as dificultades detectadas na xornada deste martes: "o problema é que os centros de día están pechados, non hai actividade escolar e hai problemas para poder conciliar".

Rodríguez lamentou que "non temos absolutamente ningún tipo de permiso retribuído para xustificar a posibilidade de quedar na casa, algo que recae sobre todo nas mulleres", e engadiu que "vai saír, como sempre, do salario das traballadoras ou terán que recuperar as horas".