As cinco 'pedras de memoria' que recordan en Vilagarcía os deportados aos campos de concentración nazis

O Salnés
05 de maio 2026

As historias de Antonio Lamas, Ramón Diz, José García, Antonio Quintáns e Francisco Varela recórdanse cos "stolpersteine" descubertos esta martes en Vilaxoán, O Carril e Vilagarcía

'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazis
'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazis / Concello de Vilagarcía de Arousa

Antonio Lamas, Ramón Diz, José García, Antonio Quintáns e Francisco Varela, os cinco veciños de Vilagarcía que foron deportados aos campos de concentración nazis, xa forman parte da paisaxe urbana de Vilagarcía.

A historia de cada un deles recórdase nas cinco 'stolpersteine' ou 'pedras de memoria' colocadas para manter presente a inxustiza que se cometeu con eles e para tratar de que os graves erros do pasado non volvan repetirse no futuro.

O Concello organizou esta homenaxe o 5 de maio, data na que se lembra aos españois deportados e falecidos en campos nazis, con paradas en Vilaxoán, O Carril e Vilagarcía.

A primeira foi na Praza Rafael Pazos, onde se descubriron as lastras en memoria de Antonio Lamas Jueguen e Ramón Diz Rivas.

Foi alí onde se celebrou o acto central, coa presenza de varios dos seus familiares, o alcalde, Alberto Varela; ou o subdelegado do Goberno, Antón Losada.

A parte máis emotiva do acto foi a intervención de Marcela Diz, a sobriña-neta de Ramón, asesinado no campo de exterminio de Gusen en 1944.

Referiuse a esta "terrible pasaxe" da historia recente, "que debemos ter presente para que non se volva repetir, agradecendo esta iniciativa "tan bonita como necesaria", para seguir mantendo os principios de "verdade, xustiza e reparación" coas vítimas.

'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazis
'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazisConcello de Vilagarcía de Arousa

A dela foi unha familia especialmente castigada xa que, a maiores de Ramón, o irmán deste, Manuel, foi executado polos franquistas en 1936, e o avó de Marcela, José Diz, faleceu nun campo de traballo stalinista na cidade soviética de Odesa en 1948.

En consecuencia, Marcela declarou que "arrepíame a idea de que as políticas fascistas poidan ser vistas con bos ollos, sobre todo pola xuventude, porque o fascismo e os totalitarismos matan. Que llo digan á miña familia".

O alcalde, pola súa banda, honrou a memoria dos cinco homenaxeados, "que representan a tantas outras persoas represaliadas e ás que se lles arrebatou a liberdade ou a vida por pensar diferente e defender os principios democráticos".

Varela explicou a razón pola que Vilagarcía se sumou ao proxecto Stolpersteine, ideado polo artista alemán Gunter Demnig, dicindo que "durante demasiado tempo, estas historias permaneceron no silencio e hoxe traémolas ao espazo público".

'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazis
'Pedras de memoria' coas que Vilagarcía recorda os deportados a campos nazisConcello de Vilagarcía de Arousa

Tras o acto principal en Vilaxoán, a comitiva desprazouse á Praza da Liberdade do Carril. Alí descubríronse os "stolpersteine" na honra de José García Rodríguez e Antonio Quintáns Romero, asasinados en Gusen entre os anos 1941 e 1942.

Finalmente visitouse a Rúa do Río -a altura da intersección con Valentín Viqueira-, onde se colocou a pedra en memoria de Francisco Varela Loureiro, tamén asasinado no campo de Gusen en abril de 1941.

Antonio Lamas, que tras nacer en Vilaxoán en 1912 se exiliou a Francia en 1939, foi o único que sobreviviu ao horror nazi. Foi deportado en 1944 a Buchenwald (Alemaña) e liberado ao ano seguinte. Faleceu na cidade francesa de Sète en 1989.