Cinco proxectos de investigación buscarán mellorar o medio ambiente da provincia

Pontevedra
15 de outubro 2025

A Deputación colabora coa Universidade e destina 39.000 euros a iniciativas lideradas por persoal investigador novo, que abordan desde a descontaminación de augas ata o uso da intelixencia artificial para reducir o consumo enerxético

Os cinco proxectos impulsados pola Universidade e a Deputación Deputación de Pontevedra

A colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra permitirá poñer en marcha este ano cinco proxectos de investigación centrados na mellora medioambiental da provincia.

Financiados con 39.000 euros pola institución provincial ao abeiro dun convenio coa Universidade, os traballos están liderados por novas e novos investigadores de diferentes áreas e centros de investigación.

Dúas das iniciativas están vinculadas ao Centro de Investigación Mariña (CIM), outras dúas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), e unha máis á Área de Dereito Financeiro e Tributario. Todas teñen un denominador común: contribuír a un territorio máis sostible a través da ciencia e a innovación.

O proxecto con maior puntuación, liderado por Verónica Poza Nogueiras (grupo Biosuv, Cintecx), desenvolverá tratamentos avanzados para a descontaminación de augas, baseados en tecnoloxías sostibles e en procesos de oxidación avanzada para eliminar residuos farmacéuticos. Tamén explorará métodos electroanalíticos para monitorizar os procesos e avaliará o seu impacto ambiental.

Tamén coa auga como eixo, Vanesa Romero (CIM) coordina Aquasense, que aposta por metodoloxías analíticas portátiles baseadas en celulosa para detectar contaminantes en augas naturais, reducindo custos e residuos e aliñando o proxecto cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Na área xurídica, Mónica García Freiría analizará o papel da fiscalidade medioambiental no ámbito local, estudando como os concellos poden empregar impostos e bonificacións como ferramentas para fomentar prácticas sostibles.

Desde o Grupo de Ecoloxía Animal do CIM, Víctor Hernando Morales avaliará o rendemento da EDAR de Moaña, estudando a presenza de macro e microplásticos en diferentes épocas do ano e promovendo accións educativas sobre contaminación en centros escolares.

Finalmente, Moisés Cordeiro (Cintecx) lidera EnerxIA, un proxecto que empregará intelixencia artificial para mellorar o consumo eléctrico e de auga nas vivendas, anticipando patróns e reducindo emisións de CO₂ sen necesidade de reformas estruturais.

Segundo destacan ámbalas institucións, esta colaboración establece un compromiso común coa investigación aplicada e a sustentabilidade ambiental, para apoiar proxectos con impacto real en Galicia.