O cirio tradicional resiste en Pontevedra pese ao auxe de vendas das candeas con batería e a pilas

Pontevedra
28 de outubro 2025

As cererías San Román e Dima afrontan a semana máis intensa do ano. Aínda que cada vez hai máis candeas eléctricas, a chama dos cirios de cera será a máis acesa nos cemiterios nestas datas

Joaquín Diéguez, de Cerería San Román, acende unha das candeas artesás que elaborou el mesmo PontevedraViva

En vésperas de Todos os Santos e Defuntos, as cererías de Pontevedra viven o seu particular maratón de vendas.

Na rúa San Román, a histórica Cerería San Román, fundada hai máis de sesenta anos, segue sendo parada obrigada para quen non concibe estas datas sen acender un cirio de cera no cemiterio.

O seu propietario, Joaquín Diéguez, asegura que "as vendas se manteñen na liña doutros anos" e que a fidelidade da clientela é marca da casa e mesmo "pasa de pais a fillos".

"Os cirios de sempre seguen sendo os máis buscados", explica Diéguez, descendente dunha saga de cereiros cuxa fábrica matriz, en Pontecesures, supera o século de historia.

Aínda que os clásicos coa súa carcasa de plástico para evitar derramamentos son os máis vendidos, nos últimos tempos cada vez máis a clientela valora o traballo artesán das candeas que Joaquín "elabora unha a unha a man", asegurando unha duración maior e que "nin derramen nin afumen".

Estes días, o local recibe a veciños de toda a provincia. "Hai clientes que só veñen unha vez ao ano, pero sempre buscan unha candea boa, a de cera de toda a vida", afirma o cereiro.

Sandra Vilariño, de Cerería Dima, mostra unha candea de batería xunto a un expositor de candeas de pilaPontevedraViva

Sen saír do Centro Histórico, baixando ata a rúa Serra, na Cerería Dima confírmase o ir e vir de clientela, ao punto de que este pasado domingo pola mañá e o sábado pola tarde, a propietaria Sandra Vilariño decidiu abrir ao público.

"Estes días son unha tolemia, como sempre por estas datas", explica entre encargos. "O que sempre pide a xente son candeas que duren moito", sinala.

Neste sentido, comenta que lle chegou a anécdota de que, se non chove, moitas persoas retiran a tapa das candeas que a levan, polo que quere recalcar que "sempre, hai que deixar a tapa posta", tanto por seguridade como para evitar que calquera refacho de vento a apague.

Vilariño tamén notou o aumento das vendas de candeas con batería e a pilas, que ofrecen unha alternativa práctica para quen non pode acudir ao cemiterio con frecuencia.

"A candea de batería, eu traballo unhas que duran un ano, e se ao mellor, a vida non che deixa ir a miúdo ao cemiterio, porque non podes ou está lonxe, desta maneira sabes que esa persoa sempre vai estar coa súa luz", explica.

Estas candeas de batería véndense todo o ano porque moitas persoas as compran para levar a San Judas Tadeo, o santo dos imposibles da igrexa de San Francisco. Debido a que non pode haber chamas de lume nos templos, este sistema converteuse nunha ofrenda habitual por parte dos fieis.

As candeas de batería teñen forma de cirio e de corazón. Tal é a acollida que este luns as de corazón estaban esgotadas, aínda que a reposición estaba asegurada para este martes 28 de outubro.

En canto ás candeas de pilas, a súa duración pode chegar aos seis meses, todo depende do tempo continuado que se deixen acesas. Tamén hai moita clientela que prefire este sistema, sobre todo en interiores de panteóns que desexan manter con luz permanente.

Lampadiñas ou "mariposas" que gozan de grande aceptación en Cerería DimaPontevedraViva

Nesta tenda fronte ao Mercado de Abastos tamén se manteñen vivas outras tradicións, como as lampadiñas ou "mariposas" que moitas familias prenden en casa para lembrar os seus seres queridos nestas datas.

"A mariposa moitos lembrarán que eran as avoas as que as acendían. Hoxe en día levan unha cortiza, un papeliño e a mecha; pola nun vaso con auga e unhas pingas de aceite e acendes a mecha. Aínda hai moita xente que vén buscalas para poñer en casa, non no cemiterio", aclara Sandra.

Xa sexan de cera, de pilas ou de batería, o certo é que o costume de levar candeas ao camposanto segue tan viva como sempre. Tanto en San Román como en Dima, a actividade non cesa: as vendas disparáronse xa a semana pasada e continúan en aumento. Todo apunta a que o ritmo se manterá ata a véspera dos días festivos de Todos os Santos e Defuntos.

A venda de cirios en Cerería San Román é constante nestas datasPontevedraViva

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora