Cita para estudar o envellecemento das persoas coa síndrome de Down

Pontevedra
12 de decembro 2024
Actualizado: 15:56

A Escola de Saúde Pública organiza unha sesión este venres, 13 de xaneiro ás 19.00 horas, impulsada pola concellería de Benestar Social. Ata o 20 de decembro permanece aberto o prazo para que as asociacións socio-sanitarias presenten propostas para 2025

Pancarta polo Día Mundial da Síndrome de Down
Pancarta polo Día Mundial da Síndrome de Down / PontevedraViva

A Sala Valdecorvos da Casa Azul na Rúa Sor Lucía acollerá este venres 13 de decembro, ás 19:00 horas, unha nova actividade no marco da Escola de Saúde Pública (ESP) de Pontevedra.

O relatorio, titulado 'Os retos da atención socio-sanitaria na etapa de envellecemento das persoas coa síndrome de Down', será impartido por Sandra Peña Díaz, educadora social e psicopedagoga responsable do Programa de Vida Adulta de Down Pontevedra-Xuntos, a asociación organizadora do evento.

Esta iniciativa, de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do espazo, forma parte da programación impulsada pola Concellería de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías.

A ESP naceu o pasado mes de novembro co obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía, promover hábitos saudables e poñer en valor o labor das asociacións socio-sanitarias, ao tempo que defende a sanidade pública como un dereito esencial.

A actividade do venres será a cuarta das cinco previstas nesta primeira andaina da ESP, todas elas inspiradas na Feira da Saúde e Benestar-Pontesán, un evento xa consolidado en Pontevedra como espazo de reflexión sobre o traballo do tecido socio-sanitario galego.

PROPOSTAS ABERTAS PARA 2025

Ademais, está aberto ata o 20 de decembro o prazo para que as asociacións socio-sanitarias presenten propostas para o programa de actividades da ESP do ano 2025.

Entre as accións que se poden propoñer inclúense charlas, mesas de debate, obradoiros e actividades lúdico-formativas, reforzando o carácter participativo e integrador deste proxecto.

A Escola de Saúde Pública de Pontevedra é un espazo para a aprendizaxe, a reflexión e a acción colectiva no ámbito da saúde e o benestar social, que depende do Concello de Pontevedra.