O Concello de Moraña estreará o sábado 5 de marzo o que denomina Mes da Muller, co que vai conmemorar o Día Internacional da Muller, 8 de marzo, e que inclúe unha programación de actividades pensadas para reivindicar a igualdade de xénero entre homes e mulleres.
Coincidindo con este Mes da Muller, inician de novo os encontros do Círculo das Mulleres nas parroquias. Para participar nas citas, é preciso apuntarse.
O sábado 5 de marzo a estrea da programación chegará coa presentación do IV Plan de Igualdade, que recolle os obxectivos e actuacións en materia de igualdade a desenvolver nos próximos anos.
O alcalde de Moraña, José Cela, avanza que a formulación deste plan "non é un feito illado", senón que é o resultado dun "esforzo continuado ao longo dos anos" de toda a comunidade porque todas as persoas de Moraña participan dalgún xeito "neste novo modelo de convivencia.
A cita será no edificio Multiusos ás 20.00 horas e, ao remate da presentación, ás 20.45 horas, haberá un concerto da Pequeña Gran Compañía.