Cociña último modelo para a formación dos estudantes do CIFP Carlos Oroza

Pontevedra
22 de febreiro 2017

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asistiu á inauguración dunha nova aula deste centro de formación de profesionais da hostalería. No novo espazo van realizarse, ademais de clases, tarefas de investigación e innovación culinaria

Nova aula no Centro Carlos Oroza
Nova aula no Centro Carlos Oroza / Consellería de Educación

No Centro de Formación Profesional Carlos Oroza, situado na Cidade Infantil Príncipe Felipe, este mércores celebrábase con moito doce a inauguración dunha nova aula de I+D de última xeración destinada aos estudantes dos ciclos de industrias alimentarias e de hostalería e turismo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acudía ao centro para destacar que este novo espazo servirá para realizar tarefas de formación, ademais doutras iniciativas de investigación e innovación na cociña. Tamén está previsto que se converta nun expositor de produtos. Acollerá clases maxistrais de coñecidos profesionais do sector.

A aula divídese en dous espazos, un acolle unha cociña e o outro é unha bancada para sesenta estudantes que poderán atender ás explicacións ou ver os show cooking que se desenvolvan neste departamento do centro.

A cociña conta cos elementos máis modernos do mercado con placa de indución, grella grill e ferro xaponesa. Trátase da aula destas características máis grande en toda Galicia. 

O investimento realizado pola consellería de Cultura e Educación no Carlos Oroza alcanza os 1,6 millóns de euros e destinouse á mellora do centro en dúas fases nas que se construíu un aula-taller de cociña e uns talleres de panadería e pastelería, ademais de confeitería e chocolatería. Tamén se puxo en marcha un economato e un almacén con cámaras de frío.