O cambio de Goberno en Madrid e a substitución na cúpula de Adif abren a porta a que Fomento reformule a súa negativa a desafectar o tramo ferroviario en desuso entre Pontevedra e Ponte Sampaio. Esta medida permitiría, segundo diversos colectivos ciclistas e veciñais, crear unha "gran vía verde" entre as cidades de Pontevedra e Vigo.
Por iso, aproveitando a celebración da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións ciclistas Pedaladas e A Golpe de Pedal, xunto coa asociación Salinas do Ulló, convocaron unha nova marcha reivindicativa que terá lugar o próximo 16 de setembro.
O obxectivo é reclamar que se habilite esta vía verde aproveitando as vías do tren, os camiños xa existentes e estradas secundarias.
Esta petición irá dirixida aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo, á Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia, a Adif e aos ministerios de Fomento e Transición Ecolóxica.
O tramo "fundamental" a pelexar, segundo estes colectivos, é o que une Pontevedra e Arcade, xa que o situado entre Redondela e Vigo xa está cedido aos dous concellos e, nestes momentos, está a redactarse o proxecto de vía verde.
Así, todos os participantes reuniranse ás 11.30 horas en Arcade. Os mobilizados por Pedaladas protagonizarán unha ruta en bicicleta de montaña que sairá de Pontevedra ás dez da mañá, mentres que a asociación A Golpe de Pedal sairá ás nove da mañá de Vigo. Para ambas rutas fai falta inscrición previa.
Pola súa banda, a asociación Salinas do Ulló de Vilaboa fará unha ruta a pé polas vías do tren entre Arcade e Figueirido, que partirá ao remate da concentración.