O colexio de Tenorio, listo para reanudar a actividade lectiva tras o incendio

Cerdedo Cotobade
18 de febreiro 2026

Como a área de comedor precisará máis reparacións, Educación contratou un servizo de catering tanto para o colexio como para o IES de Cotobade, que comezará a traballar este xoves

O colexio de Tenorio, listo para retomar a actividade tras o incendio

Despois dunha semana de intensos traballos, a comunidade escolar do colexio plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, volverá ás aulas este xoves 19 de febreiro.

Será posible despois de completar os traballos de reparación e limpeza realizados tras o incendio do pasado mércores e que afectou, principalmente, ao almacén anexo a comedor.

Segundo a hipótese inicial da Garda Civil, o lume iniciouse na batería eléctrica dunha máquina cortacéspede gardada no almacén contiguo ao comedor.

Dado que o lume afectou á instalación eléctrica, as labores de reparación comezaron de inmediato para recuperar canto antes a luz no centro.

A maiores, e dado que o fume ensuciou o conxunto do centro, contratouse unha empresa especializada neste tipo de traballo de limpeza, que pode certificar ao seu remate que non existe ningún tipo de risco contaminación.

O colexio de Tenorio, listo para retomar a actividade tras o incendioXunta de Galicia

Como a área de comedor precisará máis reparacións, aínda por determinar, Educación contratou tamén un servizo de catering tanto para o colexio de Tenorio como para o IES de Cotobade (cuxos alumnos comen neste colexio), que comezará a traballar mañá. 

Polo tanto, o colexio está preparado para a volta á aulas tras as vacacións de Entroido.

Así o explicou o director territorial da consellería en Pontevedra, César Pérez, que visitou o centro para supervisar o avance dos traballos de recuperación.

A partir de agora, haberá xuntanzas técnicas para valorar os seguintes pasos que haberá que dar para reparar a área de comedor e a cociña do colexio.

O colexio de Tenorio, listo para retomar a actividade tras o incendioXunta de Galicia