Ence Enerxía y Celulosa mantén a formulación de que "non hai outra localización" para a fábrica pasteira de Lourizán. Así llo manifestaba nas últimas horas o actual presidente e conselleiro delegado da entidade, Ignacio de Colmenares y Brunet, aos integrantes do comité de empresa da factoría pontevedresa.
Colmenares mantivo o mesmo discurso que xa trasladara durante a reunión de investidores. A esperanza da empresa para continuar producindo en Pontevedra pasa pola admisión do recurso de casación que se presentará ante o Tribunal Supremo e no que xa están a traballar tanto os avogados de Ence como do comité de empresa. Esperan que sexa admitido a trámite e que, finalmente, tombe a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016.
Pablo Bacariza, secretario do comité de empresa, sinalou que o presidente de Ence só contempla esa opción, segundo manifestou neste encontro. No caso de que a sentenza da Audiencia Nacional pase a ser firme, a fábrica de Pontevedra cesará a súa actividade e a empresa "liquidará e mandará para casa" ao persoal, sinala o representante sindical.
Colmenares admite que só acudirán a unha nova convocatoria da mesa de diálogo "por educación"
En canto á participación da empresa nunha nova mesa de negociación que o comité de empresa tenta que se convoque en breve coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, liderando as conversacións, Colmenares indicou que só acudirán "por educación".
O representante da entidade pasteira non ofreceu outras alternativas para manter a actividade en Galicia. Colmenares tampouco fixo referencia a unha posible ampliación da factoría situada en Navia que acollese a produción da fábrica de Lourizán co traslado de traballadores de Pontevedra a Asturias.
Os representantes sindicais tentarán continuar negociando coas administracións e solicitar unha entrevista con dirixentes da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que co delegado do Goberno, José Miñones, co que fracasaron diversos intentos de establecer contacto.
Polo momento, o vindeiro martes 27 está previsto que os integrantes do comité de empresa sexan recibidos pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a quen urxirán unha nova reunión da mesa de diálogo na que todas as cartas se poñan na mesa para tentar resolver o futuro laboral de Ence.