Axentes da Policía Local de Poio manteñen un traballo intensivo para controlar as entradas e saídas do municipio durante esta Semana Santa coa intención de controlar a persoas que se saltaran os peches perimetrais das autonomías coa intención de acudir a segundas residencias ou a vivendas doutros familiares.
Segundo informan desde a Xefatura de Policía ata este Xoves Santo realizáronse máis de 500 inspeccións en vehículos e identificáronse a 67 persoas cunha especial vixilancia nas zonas de Combarro e Raxó, ao ser os puntos tradicionalmente máis turísticos de Poio. Ao longo do que resta de semana manteranse estes controis.
Nestas accións diarias recóllense evidencias dos xustificantes de desprazamento que presentan as persoas que proceden doutras localidades fóra de Galicia para realizar as comprobacións pertinentes e verificar que a documentación é auténtica.
Tamén se realizan inspeccións de autocaravanas nas zonas habilitadas para aparcamento na Seca. Ata o momento non se detectaron residentes noutras comunidades.
Ademais, os axentes realizan vixilancia nos establecementos de hostalería, en moitos casos a pedimento dos propietarios dos locais para verificar o cumprimento das medidas restritivas. Moitos dos profesionais da hostalería están a reabrir estes días despois de meses nos que se viron obrigados ao peche. Durante estes días, a Policía Local inspeccionou trece novos establecementos abertos. En todos eles, os hostaleiros cumprían coas medidas sanitarias establecidas.
A estes locais súmanse os furanchos, que comezaron a abrirse no municipio. Ata o momento, esa actividade tamén se está desenvolvendo de maneira correcta.