Combarro, primeira parada da exposición sobre maquetas de barcos da Deputación

Poio
20 de xuño 2017

A mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra estrearase en Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará en Combarro

Presentación en Poio do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Combarro Deputación de Pontevedra

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará en Combarro entre o 29 de xuño e o 2 de xullo servirá ademais de estrea para a exposición de maquetas de embarcacións que prepara a Deputación de Pontevedra.

Esta mostra, composta por 18 maquetas de embarcacións tradicionais galegas, está incluída na programación do Ano do Patrimonio que impulsa a administración provincial e será un dos atractivos do Pavillón do Patrimonio que se instalará na Praza da Chousa.

A exposición estará acompañada dunha guía con características das embarcaiones tradicionais e dun espectáculo de narración a cargo de Xurxo Souto. Ademais en Combarro a Deputación presentará tamén o libro de fotografía 'Vento nas velas' de Xurxo Lobato.

A mostra pasará despois da súa estrea en Poio por Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, Vigo e O Grove.

Tras a súa presentación oficial en Santiago de Compostela, o Casal de Ferreirós de Poio acolleu este martes un acto no que se quixo dar a coñecer de novo a programación do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, no que participarán ata 150 barcos chegados desde diferentes puntos de Galicia e tamén doutros puntos como o País Vasco ou Portugal.