Combarro revive un pasado medieval entre nubes e mareas na festa do Día de Colón

Poio
10 de maio 2025

A chegada da Nao Santa María inaugurou a festa que reclama a orixe galega do navegante, nunha celebración que se estenderá ata o sábado con múltiples actividades para todos os públicos

Día de Colón
Día de Colón / Concello de Poio

A chuvia rendeuse este venres ante Combarro, que volveu transformase nun escenario medieval para acoller o inicio da celebración do Día de Colón, unha festa que reivindica a procedencia galega do descubridor e que se consolida como un dos eventos máis importantes do calendario festivo de Poio.

As rúas engalanadas da vila mariñeira comezaron a recibir visitantes a partir das 17.00 horas, coa apertura do mercado artesanal na Praza da Chousa.

O momento máis agardado chegou ás 20.00 horas, coa arribada da Nao Santa María con Cristóbal Colón e a súa tripulación, que foron recibidos entre música e animación, enchendo as estreitas rúas do casco histórico de Combarro dun auténtico ambiente medieval.

O escritor Rodrigo Costoya Santos, autor da obra "Portosanto", foi o encargado de pronunciar o pregón inaugural, ao que seguiron bailes medievais a cargo da asociación Leucoíña, unha das agrupacións organizadoras do evento xunto con Combrus, Vides Novas e o Concello de Poio.

Durante a xornada inaugural, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou a importancia deste evento para a dinamización socioeconómica do municipio. "Hai preto de cen persoas que solicitaron organizar os seus xantares nas rúas e moitos dos restaurantes de Combarro xa colgaron o cartel de completos días antes do evento", sinalou o rexedor.

Moldes subliñou que un dos maiores logros desta celebración é "que involucra a toda a veciñanza, a colectivos e negocios. Todos forman parte do Día de Colón e contribúen a facer que esta sexa unha festa do máis especial".

A programación continuará este sábado 10 cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos.

Desde as 11.00 horas, as rúas de Combarro acollerán talleres demostrativos de oficios tradicionais como canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, ademais de clases de esgrima medieval, tiro con arco, actividades infantís, música e teatro na rúa, exhibición de cetrería, bailes medievais, xogos, xusta medieval, concertos e un espectáculo de lume que pechará a celebración.

Esta festa, que defende a teoría da orixe galega do navegante, tamén loita por situar a Combarro nun punto de referencia cultural e turístico durante estes dous días de celebración.

Día de Colón
Día de ColónConcello de Poio
Día de Colón
Día de ColónConcello de Poio
Día de Colón
Día de Colón Concello de Poio
Día de Colón (1)
Día de Colón (1)Concello de Poio
Día de Colón
Día de ColónConcello de Poio