O vindeiro 9 e 10 de maio, Combarro transformarase nunha vila medieval para acoller a nova edición da festa do Día de Colón, un evento que combinará historia, cultura e entretemento para todos os públicos, segundo indicaron este venres os organizadores.
A programación desta celebración, que defende a teoría da orixe galega do descubridor de América, foi presentada na remodelada Casa do Museo de Colón coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes.
"Despois de moitos meses de traballo para esta remodelación e de conseguir todos os permisos e concordando cos veciños, Poio vai ser o referente internacional con motivo do Día de Colón", afirmou o rexedor, quen engadiu que "por moitos documentais que poidan existir vamos seguir defendendo a nosa teoría coa documentación histórica que temos neste Concello".
As actividades comezarán o venres 9 de maio ás 17:00 horas coa apertura do mercado artesanal na Praza do Portosanto (Praza da Chousa).
Un dos momentos máis esperados será a chegada da Nao Santa María con Colón e a súa tripulación ás 20:00 horas, seguida da lectura do pregón a cargo de Rodrigo Costoya Santos, autor da novela "Portosanto".
O sábado 10 concentrará a maior parte da programación, con exhibicións de cetrería a cargo de "Las Águilas de Valporquero", obradoiros demostrativos de oficios tradicionais, obradoiros de tiro con arco, bailes medievais da Asociación Leucoíña, e actuacións musicais polas rúas de grupos como Vides Novas, Escola de Música Tradicional de Poio e Os Mendigos.
Tamén haberá unha zona infantil na Praza do Alcalde, exhibicións de esgrima histórica pola Sala Viguesa de Esgrima Antigua, teatro polas rúas con Moura Teatro, e unha esperada Xusta Medieval a cargo de Especialistas Hípica Celta, que o ano pasado reuniu a "miles de persoas como espectadoras", segundo lembrou o alcalde.
Moldes destacou o impacto económico do evento: "O Día de Colón tamén é un elemento dinamizador socioeconómico no Concello, sen que coincida na época alta do verán"
"Cremos que pode ser unha fin de semana moi potente. Sabemos que moitos restaurantes xa tiveron que colgar o cartel de completo". Indicou que é necesario reservar con antelación para os xantares.
O programa, organizado polas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas coa colaboración do Concello de Poio, rematará o sábado cun concerto de música medieval de "Os Mendigos" e un espectáculo de lume na praza da Chousa.
"Quen veña a Combarro esa fin de semana vai vivir unha experiencia única, cunha festa medieval con moito contido e van pasalo moi ben", concluíu o alcalde, que fixo un chamamento para que os visitantes acudan vestidos de época "e dispostos a pasalo moi ben".
