Comeza a construción do Centro Sociocultural de Tenorio cun orzamento de 583.000 euros

Cerdedo Cotobade
15 de febreiro 2020

O local, situado nunha parcela de 1.670 metros cadrados, terá unha gran sala con capacidade para 300 persoas e tres aulas de formación

Inicio das obras do Centro Sociocultural de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

Comezaron as obras para construír o Centro Sociocultural de Tenorio, un espazo de 560 metros cadrados no que se desenvolverán actividades veciñais, sociais e culturais da parroquia.

A obra prolongarase durante todo este ano 2020, segundo indicaba o alcalde ao visitar o lugar para ver os inicios dos traballos. Jorge Cubela afirmaba que espera inauguralo antes de fin de ano.

A empresa Coviastec, gañadora do concurso público, é a encargada de realizar estes traballos tras presentar unha oferta de 583.000 euros, cunha baixa de case 0,6% sobre a licitación; ademais ofrece melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos. 

Estará situado na travesía da parroquia entre o centro de saúde e a zona de Covas nunha parcela de 1.670 metros cadrados. O edificio contará cunha dobre sala, de 170 e 107 metros cadrados, nos que se poderán desenvolver diferentes actividades cunha capacidade para 300 persoas.

Ademais, está prevista a creación de tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos, dous deles adaptados, tres espazos de almacén e un soportal.