Comeza a fase de urbanización e dotación do novo campo de fútbol de Salcedo

Pontevedra
09 de maio 2025
Actualizado: 19:14

O Concello xa traballa na cesión dunha parcela para o futuro aparcadoiro e no adecentamento do camiño de acceso ao campo

Visita ao campo de fútbol de Salcedo
Visita ao campo de fútbol de Salcedo / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra recibiu administrativamente esta venres o campo de fútbol de Sal cedo nun acto no que estivo a concelleira de Deportes Anabel Gulías, acompañada dos concelleiros Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, ademais do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.

O campo custou 1,9 millóns de euros e financiouse a cargo das partidas anuais que lle corresponden ao Concello de Pontevedra nos orzamentos da institución provincial.

En liñas xerais, as instalacións de Salcedo, totalmente novas, contan cun campo de herba artificial e edificacións para vestiarios, aseos, cantina, bancada, enfermería e almacéns, así como unha edificación complementaria para almacén de bicicletas e aula de natureza.

A contorna está urbanizada e conta con zonas cubertas para protexer o acceso á bancada e xerar zonas de sombra e resgardo. As instalacións son funcionais e de deseño contemporáneo e están integradas, á súa vez, na contorna natural na que se atopan.

O novo espazo deportivo inclúe catro vestiarios para os equipos, dous para árbitros, caixa de primeiros auxilios, almacén, cantina, espazo para limpeza, aseos de público e sala de instalacións dispostas en tres edificacións que envolven o campo: unha situada no linde oeste da parcela e outras dúas no sur. No lado norte atópanse dúas edificacións, nunha estará a cantina e os aseos do público e na outra o almacén para bicicletas e a aula da natureza.

Anabel Gulías explicou que "en quince días poderá comezar o proxecto de urbanización e nos accesos ao campo, e xa estamos traballando no aparcadoiro coa cesión do espazo da comunidade de montes e no adecentamento do camiño".

Este proxecto de urbanización ten un prazo de execución de 3 meses.

A concelleira agradeceu o esforzo do persoal técnico do Concello, da empresa e especialmente á xefa de obra.

O vicepresidente da Deputación no campo de fútbol de Salcedo
O vicepresidente da Deputación no campo de fútbol de SalcedoDeputación de Pontevedra

Tamén agradeceu ao vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez pola lealdade institucional e "por seguir mantendo un convenio que xa se iniciara na anterior etapa de goberno da Deputación e respectaron a vontade do Concello de elixir como executar os fondos que lle corresponden ao Pontevedra".

"Hoxe é un día de ledicia para Pontevedra, para o deporte na cidade, para o Concello e para a Deputación porque por fin é unha realidade, por fin saldamos unha débeda histórica cos veciños e veciñas de Salcedo e do conxunto da cidade de Pontevedra", remarcou o vicepresidente provincial.

Rafa Domínguez manifestou a vontade de "seguir colaborando, porque a cidadanía agradece o traballo conxunto dos organismos públicos para poñer en marcha proxectos como este, que melloran os equipamentos deportivos da nosa cidade".

Anabel Gulías recoñeceu que o de hoxe "é un paso moi importante na construción e en facer realidade este campo de fútbol", xa que "non é ningún segredo que foi unha obra con moitas complicacións técnicas. De feito eu asumín esta obra antes de ser concelleira de Deportes".

Asegurou que "se cumpriron os límites temporais" marcados coa comunidade de montes como co equipo de fútbol "e seguímonos marcando o límite de ter o campo listo para a nova tempada, sempre coas cautelas debidas, porque eu non me atrevo a facer ningunha especulación nas obras e menos nesta, pero estamos no camiño".

Visita ao campo de futbol de Salcedo
Visita ao campo de futbol de SalcedoConcello de Pontevedra