Comeza a montaxe das 27 atraccións das festas

Pontevedra
06 de agosto 2025

A montaxe está a ser supervisada por técnicos contratados polo Concello en todas as atraccións instaladas na contorna da Alameda e da rúa Raíña Vitoria

Montaxe das atraccións en Raiña Vitoria e Alameda
Montaxe das atraccións en Raiña Vitoria e Alameda / PontevedraViva

Este mércores empezou a montaxe das 27 atraccións de feira autorizadas para instalarse na rúa Raíña Vitoria e na zona da Alameda durante as Festas da Peregrina.

Esta montaxe está a ser supervisada polos técnicos de Enmacosa Consultoría Técnica, por encargo do Concello de Pontevedra, para que poidan estar en funcionamento este venres 8.

Pontevedra foi un dos primeiros concellos en facer este tipo de controis, que agora xa son obrigatorios desde que se aprobou o decreto autonómico 226/2022, que regula os espectáculos públicos e actividades de lecer en Galicia.

Durante estas revisións, os técnicos asegúranse de que as atraccións non teñan bordos perigosos, ocos sen protección ou partes oxidadas que poidan ser un risco. Tamén comproban que as estruturas estean ben niveladas e firmes, e que as soldaduras non teñan fallos importantes.

Ademais, revisan todo o relacionado coa seguridade do público e da contorna: que haxa extintores, que non haxa risco de que unha atracción choque con outra ou con material como cables eléctricos, farois ou edificios próximos.

En canto á estabilidade, fíxanse en que os carteis, focos ou decoracións estean ben suxeitos, e que os elementos de seguridade como arneses, cordas ou cintos estean en bo estado e sexan aptos para o seu uso. Non se permite usar cintos desgastados, nin peches que funcionen só con electricidade, aire ou presión hidráulica, xa que poderían soltarse si hai un fallo.

Inspección das atraccións polos técnicos
Inspección das atraccións polos técnicos  Concello de Pontevedra

A maioría destas inspeccións fanse a ollo, comprobando como está montada cada atracción, o seu estado e mantemento. Non se deteñen en temas de deseño, xa que iso revísase no proceso de homologación.

Finalmente, tamén revisan as instalacións eléctricas para asegurarse de que todo funciona ben e é seguro.

E unha vez que todo está listo e as atraccións empezan a funcionar, deben ter carteis ben visibles con recomendacións para os usuarios, indicando os riscos e, si fai falta, as idades ou alturas mínimas para poder subir.