Comezan as actividades do proxecto Apego na primavera en Pontevedra

Pontevedra
08 de abril 2016

O programadas abrangue distintas actividades dirixidas ás familias que xa teñen fillos ata 6 anos ou que están agardando un novo membro; todas elas son de balde, e é necesario inscribirse

Programa Apego Concello de Pontevedra

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego.

O programa abrangue distintas actividades dirixidas ás familias que xa teñen fillos ata 6 anos ou que están agardando un novo membro. Todas elas son de balde e é necesario inscribirse.

As prazas cóntanse por familia, entendendo que cada praza é un menor acompañado de ata dous adultos ou dous adultos que estean agardando un novo fillo.

O programa Apego quere acompañar ás familias na aventura da transmisión da nosa lingua como herdo aos seus fillos. Apego busca recuperar o galego como lingua de relación dentro da familia, para que os nenos medren na descuberta do mundo desde o galego a través do amor, o arraigo e a identidade. O programa busca reforzar nos nenos a identidade coa familia e coas súas raíces a través do riquísimo patrimonio que atesoura a lingua galega.

Actividades dirixidas a familias con nenos de 0 a 6 anos ou que están en agarda

  • Prende no Colo, obradoiro con Luís Prego e Samuel Soto

Neste obradoiro as familias participantes aprenderán cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas cheas de ritmo e melodía a partir de temas tradicionais galegos. Está dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos e haberá dúas sesións independentes, dunha hora de duración, que se desenvolverán o xoves 28 de abril de 18 a 19 horas e o domingo 8 de maio de 12 a 13 horas, na Casa da Luz.

 

  • Encontros familiares creativos: educar fillos felices, charla-obradoiro coa psicóloga Cristina Fariñas

A psicóloga Cristina Fariñas creará un espazo para que as familias con fillos de 0 a 6 anos compartan inquedanzas, dúbidas e ideas para resolver situacións habituais na crianza e ofrecerálles o seu asesoramento. O contido adaptarase ás necesidades e intereses dos grupos que se formen para cada unha das sesións. Hai previstos dous grupos: o sábado 30 de abril de 11.30 a 13 horas, no Pazo da Cultura, e o venres 20 de maio de 17.30 a 19 horas, na Casa da Luz.

 

  • Os nenos e a lingua: unha oportunidade, charla con Manuel Núñez Singala

O escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá nesta charla as claves para analizar, dun xeito ameno e positivo, a importancia de medrar en contacto co galego: que vantaxes ten medrar en galego? paga a pena esforzarmos para falarlles galego aos nosos fillos? A actividade está dirixida a familias con fillos de 0 a 6 anos e desenvolverase nunha única sesión o martes 24 de maio, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz.
Manuel Núñez Singala ten publicados libros como En galego, por que non?, Comedia bífida e Instrucións para tomar café.

 

  • Palma, Repalma, obradoiro con Pavís Pavós

Este obradoiro de contos, cantos e arrolos para familias con bebés de 0 a 4 anos, está pensado para que os pais aprendan recursos que cos que despois poidan xogar na casa. Haberá unha única sesión o xoves 26 de maio, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz.

 

Apego. Calendario de actividades na primavera

  • Xoves 28 de abril, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz. Obradoiro Prende no Colo, con Luís Prego e Samuel Soto.
  • Sábado 30 de abril, de 11.30 a 13 horas, no Pazo da Cultura. Charla-obradoiro. Encontros familiares creativos: educar fillos felices, coa psicóloga Cristina Fariñas.
  • Domingo 8 de maio, de 12 a 13 horas, na Casa da Luz. Obradoiro Prende no Colo, con Luís Prego e Samuel Soto.
  • Venres 20 de maio, de 17.30 a 19 horas, na Casa da Luz. Charla-obradoiro Encontros familiares creativos: educar fillos felices, coa psicóloga Cristina Fariñas.
  • Martes 24 de maio, de 18 a 19 horas, na Casa da Luz. Charla Os nenos e a lingua: unha oportunidade, con Manuel Núñez Singala.
  • Xoves 26 de maio de 18 a 19 horas na Casa da Luz. Obradoiro Palma, Repalma, con Pavís Pavós.