Comezan as obras de construción da nova residencia de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
10 de outubro 2018

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve algunha para a atención aos veciños que a poidan precisar, foi adxudicado á empresa Ogmios Proyecto e ten un orzamento de 1,7 millóns de euros cun prazo de execución de doce meses

Presentación do proxecto de ampliación da residencia de Cerdedo
Presentación do proxecto de ampliación da residencia de Cerdedo / Xunta de Galicia

O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar vai comezar a vindeira semana as obras de construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve algunha para a atención aos veciños que a poidan precisar, foi adxudicado á empresa Ogmios Proyecto e ten un orzamento de 1,7 millóns de euros cun prazo de execución de doce meses, polo que se agarda que estea en funcionamento a comezos de 2020.

A obra foi contratada por 1,45 millóns de euros, polo que a Xunta ten previsto adicar os 250.000 euros da baixa ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario, completando así a partida destinada a este novo xeriátrico.

A futura residencia disporá de 24 habitacións dobres en dúas prantas e numerosos espazos comúns e de servizos e edificarase en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores, unha das cales xa era propiedade do consorcio e outra foi conseguida polo Concello e posteriormente posta a disposición da Xunta.

Unha vez rematada esta importante actuación, a actual residencia reconverterase exclusivamente en centro de día cunha oferta de trinta prazas, o que permitirá completar a modernización da rede xeriátrica da localidade con 78 prazas nas dúas modalidades: residentes e atención diurna.