Comezan as obras de saneamento do río Lameira

Marín
09 de agosto 2023

A intervención está a comezar por traballos de roza, a retirada de residuos ou movementos de terras, co fin de acondicionar o terreo para poder executar as obras

Acondicionamento do terreo para poder executar as obras de saneamento no río Lameira

A Xunta vén de comezar as obras de saneamento do río Lameira, que contribuirán a unha mellor calidade das augas da ría de Pontevedra e suporán un investimento de 3,3 millóns de euros.

A intervención está a comezar por traballos previos como a roza, a retirada de residuos, a desmontaxe de cerramentos ou movementos de terras, co fin de acondicionar o terreo para poder executar as obras.

O obxectivo é a optimización da rede de saneamento na contorna do río, reducindo a entrada de augas brancas e regulando a derivación de caudal á depuradora en tempo de chuvia.

Ademáis, renovarase o colector interceptor nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe en Coirados ata o casco urbano, con 5 cambios de marxe. Tamén se construirá un depósito de retención augas abaixo e actuarase na estación de bombeo existente para corrixir as deficiencias que orixinan frecuentes alivios ao río.

A intervención é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello de Marín, que asume o custo das expropiacións con preto 79.000 euros.