Comisións Obreiras solicita a dimisión do xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
16 de xaneiro 2017

Este sindicato sinala a "nefasta xestión" do xerente e a súa "pronunciada xordeira" para escoitar a demanda dos profesionais en temas básicos que afectan á atención dos usuarios da sanidade pública

José Manuel González, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
José Manuel González, xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra / Mónica Patxot

Comisións Obreiras solicita a dimisión de José Manuel González, xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés.

Este sindicato sinala a "nefasta xestión" do xerente e a súa "pronunciada xordeira" para escoitar a demanda dos profesionais en temas básicos que afectan á atención dos usuarios da sanidade pública.

Entre outras demandas do persoal facultativo citan a carencia de celadores dedicados exclusivamente á atención aos doentes e os seus familiares na porta principal o que, segundo apuntan, provoca "situacións de total abandono" pola falta de mobilidade do paciente ou do acompañante ou ás veces a carencia do acompañante tendo que sufrir un "verdadeiro calvario" ata chegar ás consultas ao ser "abandonados á súa sorte" nas salas de espera ou nos corredores.

Comisións Obreiras cre que esta "anómala situación" supón unha "máis que probable vulneración de dereitos fundamentais".

Por outra banda, estes representantes sindicais afirman que o "bloqueo nas Urxencias" demostrou "a falta de medidas de anticipación e de total descoordinación". 

Ademais sinalan que a saturación deste servizo de Urxencias é tamén consecuencia de "substituír as camas que se perderon no seu día na unificación dos Hospitais Provincial e Montecelo, pola concertación privada".