Un comité científico asesorará o Concello de Pontevedra en retos estratéxicos da cidade

Pontevedra
18 de xuño 2026
Actualizado: 7:26

O proxecto ConCiencia Local creará un Comité Asesor Científico Municipal para achegar o coñecemento investigador á toma de decisións en Pontevedra

Pansera, Bastón, Míguez, Suárez e Vázquez integran o equipo responsable do proxecto

O proxecto ConCiencia Local busca converter o coñecemento científico nunha ferramenta útil para mellorar a toma de decisións no ámbito municipal.

A iniciativa, impulsada polo grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (F.S.P.), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e o apoio do Concello de Pontevedra, aposta pola creación dun Comité Asesor Científico Municipal (CACiM).

O novo órgano estará formado por persoal investigador de distintos ámbitos da Universidade de Vigo e por representantes técnicos da administración local, co obxectivo de establecer un espazo estable de colaboración entre a ciencia e o goberno municipal.

As persoas interesadas en participar neste grupo de traballo poden presentar as súas candidaturas ata o mércores 24 de xuño.

O comité centrarase na análise dun reto ou cuestión de interese para o Concello de Pontevedra, sobre a que elaborará recomendacións baseadas en evidencias científicas.

A finalidade é ofrecer unha visión multidisciplinar que permita apoiar o deseño e aplicación de políticas públicas máis eficaces.

Seleccionado dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura da innovación pública da F.S.P., ConCiencia Local nace como unha experiencia pioneira en Galicia no ámbito da chamada "ciencia para as políticas públicas".

O proxecto pretende reforzar a conexión entre investigación e administración, facilitando que o coñecemento xerado nas universidades teña unha aplicación directa na xestión dos servizos públicos.

Coordinado por Mario Pansera, responsable do Post-Growth Innovation Lab, o programa desenvolverase ata abril de 2027 e contará coa participación das investigadoras e investigadores Susana Bastón, Cristina Míguez, Cristina Vázquez e Brais Suárez.

Unha das claves da iniciativa será combinar unha análise especializada desde diferentes áreas de coñecemento cunha visión global das necesidades da cidade. Por iso, o comité incorporará perfís procedentes de distintos centros da Universidade de Vigo, ademais de persoal técnico ou representantes municipais.

O equipo promotor define este órgano como "un espazo de diálogo entre administración e ciencia" destinado a transformar coñecemento experto en propostas concretas para a cidadanía. As áreas de traballo poderán estar relacionadas con ámbitos como a sustentabilidade, a economía, a educación, o medio ambiente, os servizos sociais ou a cultura.

A metodoloxía de traballo incluirá sesións participativas nas que as persoas integrantes do comité analizarán o reto seleccionado e formularán recomendacións desde unha perspectiva independente e multidisciplinar.

Ademais da creación do comité, ConCiencia Local contempla estudar o funcionamento desta experiencia piloto para deseñar unha metodoloxía que poida aplicarse noutros concellos. O proxecto dará lugar a unha guía de implementación que recollerá os pasos e ferramentas empregados, coa intención de facilitar que outras administracións locais poidan desenvolver iniciativas semellantes.

Como peche do programa está prevista tamén a celebración dunha xornada de transferencia aberta á cidadanía, na que se presentarán os resultados obtidos e as conclusións do traballo realizado.