Camiñar polo comezo da estrada municipal que comunica Vilarchán con Contixe, no tramo que vai ao campo dos Remedios, é agora moito máis doado. O Concello vén de rematar unhas obras de mellora da rede de recollida de augas pluviais que, ademais de ensanchar o firme, poñen fin ao problema das salpicaduras aos peóns.
A obra viña sendo demandada pola veciñanza dende hai tempo, pois este tramo, cunha lonxitude superior aos 200 metros, é moi utilizado para camiñar cara á carballeira na que se realizan boa parte das actividades comunitarias de Vilarchán, dado que alí se sitúan tanto a Casa do Pobo como un parque infantil.
O goberno local asumiu esta petición e, despois de comprobar as deficiencias da rede existente, optou por un arranxo integral para evitar que o tramo máis baixo da pista continuase asolagándose os días de choiva.
A escasa anchura da pista, a xusta para cruzar dous coches, provocaba problemas para os peóns, que quedaban obrigados a camiñar polos charcos. Ou, peor aínda, completamente mollados polas salpicaduras. Moitos veciños de Vilarchán optaban mesmo por dar un rodeo utilizando os camiños interiores entre as leiras.
As obras ampliaron a sección nalgunhas zonas ata preto dos 50 centímetros. Esta circunstancia permite non só mellorar a circulación rodada, senón tamén o espazo dispoñible para o tránsito peonil.
A mellora consistiu nunha limpeza e consolidación da canle aberta no tramo máis próximo ao campo, dotándoo de novos sumidoiros e encintando xuntas e conexións. Na parte baixa, que estaba completamente atoada de terra, optouse por colocar un novo tubo soterrado de 315 milímetros de diámetro para garantir a correcta evacuación. Deste xeito gañouse tamén o ancho necesario para mellorar a seguridade.