Rosa María Loureiro é a responsable do funcionamento do comedor da facultade de Ciencias Sociais no campus de Pontevedra. Alí sérvense entre 200 e 220 comidas diarias de luns a venres, polo que é un gran produtor de lixo. Dende hai meses, os traballadores xestionan os residuos orgánicos nun centro de compostaxe comunitaria da Deputación de Pontevedra instalado ao abeiro do Plan Revitaliza. Rosa asegura que a rutina diaria do traballo na cociña e na cafetería apenas se modificou dende que o plantel está implicado no Plan Revitaliza. Ela invita a calquera a ver como se organizan e como funciona o centro de compostaxe "sen ningún tipo de complicación".
A vez primeira que escoitou falar de compostaxe foi...
Pois cando comezamos a ver as obras que había no campus para instalar o centro de compostaxe comunitaria da Deputación. O decano comentounos que ían poñer o composteiro e ao saber iso xa nos fixamos noutros iguais que estaban instalados noutros lugares. Algo de idea da compostaxe xa tiñamos, pero non sabiamos que tamén se podía facer como a fan aquí no centro comunitario. Sabiamos que na compostaxe se utilizaban cubas pequenas, individuais, outros elementos máis artesanais, e que se usaba máis herba e toxo en lugar do estruturante de "virutilla" que usamos aquí para mesturar co lixo.
Como chegou a iniciativa da Deputación a vostedes?
Comentóunola o vicerreitor, que preguntou se tiñamos algún problema en colaborar. A verdade é que como xa faciamos reciclaxe de cartón, de plástico e de vidro non botamos as mans á cabeza. Pensamos que se podía facer, porque tampouco é tan laborioso. É unha cubeta máis e intentar que non vaian restos doutras cousas que poidan contaminar a compostaxe, como pode ser o papel con tinta ou plástico. A realidade é que a compostaxe non é laboriosa.
Que acontece nunha cociña profesional como é a do comedor de Ciencias Sociais cando se separan os orgánicos?
Entre a cociña e a cafetería somos entre cinco e seis persoas traballando e non hai problema nin nun lado nin no outro. Aparentemente parece todo moi complexo porque é moito volume de lixo, pero telo organizado facilita. Nós antes xa tiñamos unhas cubetas para separar. Na cafetería, por exemplo, a borra do café ía na mesa da cafeteira, as mondas das laranxas ían para a cubeta dos residuos da laranxa... Pero logo mesturabámolo todo na bolsa do lixo. Agora deixámolo todo apartado e non é complicado. Na cociña pasa o mesmo. O que volve nas bandexas separámolo entre os cubos de papel e das sobras. Logo as cociñeiras teñen que ter coidado porque do que sobra das tarteiras non poden ir líquidos nin salsas ao centro de compostaxe. Porque non é bo, nada máis, entón o que facemos é poñer unha rexa para filtrar. Para nós a compostaxe foi un hábito que colles e enseguida encarrilas.
Os usuarios da cafetería e o comedor... saben que participan na compostaxe? Poñen fáciles as cousas?
Pois, nas bandexas, os restos de comida quedan no plato e os panos e plásticos quedan apartados. Os usuarios non teñen que facer nada. Pero sei que a idea da compostaxe gusta, a maioría acéptaa e ve lóxico facela. Que nós fixeramos compostaxe cos restos do comedor arrastrou á xente a facela na casa porque practicamente non supón esforzo. Sei incluso dalgún que montou unha pequena composteira no balcón do seu piso.
Cre vostede que a compostaxe compensa?
Considero que a compostaxe é totalmente aceptable. Ti estás tirando unha cousa, reciclándoa, pero despois podes aproveitala. Eu, por exemplo, este ano levei algo de compost para as plantas da casa e estiveron impresionantes no verán. O compost ten ademais unha vantaxe: cando está feito non ten olor ningún. Na elaboración hai veces que si, cando os mestres composteiros moven a mestura bota un pouco de olor, pero o resultado final xa non, entón, cando colles o compost non che dá ningunha pereza andar con el na man para as plantas. Cando estás na casa e botas abono, cheira, pero isto é o contrario, non bota ningún cheiro.
Pensa que compostar debe ser obrigatorio como sistema de xestión do lixo?
Penso que a compostaxe é un chanzo máis do que xa facemos co cartón e o plástico. Non debería complicarnos moito a vida se todos somos conscientes e facemos como temos que facer. Para que a compostaxe saia ben hai que ser moi consciente do que podes botar na composteira e do que non. Se non podes botar salsas é absurdo levar unha tarteira chea, porque iso produce que o produto non vaia saír ben. O primeiro é concienciarse.
Só é precisa información, información, infomación... logo?
Penso que os medos desaparecen totalmente coñecendo como é a compostaxe. Pode ser que tardemos en xeral en adaptarnos, pero á larga será o que ten que ser, porque recuperas produto que serve para outra cousa. Ao compostar, do lixo sae un beneficio, porque aproveitas o que vas tirar para facer o compost. Se en lugar de botar no cubo do lixo os orgánicos, bótalos no cubo para levar ao compost, xa está, non supón diferenza. Por iso hai que dar moita información e concienciar á xente. E dende logo, os mestres e mestras composteiras son unha peza fundamental, e deberían estar dispoñibles para explicar realmente como é a compostaxe: que hai que separar, botalo no composteiro, e botar tamén o estruturante, que é o que dá máis pereza, o que máis incomoda... o que máis custa... Pero todo é un hábito, volvo repetir.
Que lle diría aos que rexeitan a compostaxe comunitaria porque "pode dar problemas"?
Pois que o noso centro de compostaxe está no centro do campus. Poden vir velo e comprobar, porque non dá problemas. Só hai que facer as cousas ben e informarse.