Concedida a licenza para executar a derriba dun tramo das Galerías Oliva

Pontevedra
11 de outubro 2021

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra concedeu á empresa Hercor Inversiones SL a primeira das licenzas de demolición para o inmoble número 3 da rúa Gutiérrez Mellado, que inclúe o acceso desde este vial ás Galerías da Oliva

Comercios das Galerías da Oliva afectados pola demolición de dous edificios Mónica Patxot

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra concedeu á empresa Hercor Inversiones a licenza de demolición para o inmoble número 3 da rúa Gutiérrez Mellado, que inclúe o acceso desde este vial ás Galerías da Oliva.

Segundo informou en rolda de prensa a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, a concesión desta licenza municipal é un proceso regrado "e pouco, lamentablemente, pode facer o Concello para evitar esta obra" comentou a concelleira.

"Estes procesos teñen moitísimo de técnico e moi pouco de discrecional", engadiu. A licenza pasou todos os trámites preceptivos e conta cos informes sectoriais necesarios.

Unha vez que se tomou este acordo por parte do Concello agora notificarase aos interesados e establécense os prazos habituais para a demolición que son de seis meses desde a comunicación do acto administrativo cunha interrupción máxima doutros seis meses.

É dicir, segundo a normativa, este proceso tería unha duración máxima de 12 meses desde a notificación.

Anabel Gulías asegurou que "o Concello non ten ningún coñecemento da obra posterior, da intencionalidade nin demais".

Neste caso a licenza afecta a un edificio, pero esta promotora solicitou un permiso similar para un inmoble lindeiro, o situado no número 11 da rúa Michelena que, segundo detallou Anabel Gulías, está pendente do pronunciamento de Patrimonio da Consellería de Cultura xa que a fachada cara a esa rúa está afectada polo ámbito protexido pola declaración do santuario da Peregrina como Ben de interese Cultural (BIC).

"Non temos ningunha información sobre o que vai ocorrer co futuro dos edificios nin coas Galerías. É un tema que nos preocupa e nos inquieta porque as Galerías son un emblema da cidade", dixo a portavoz do goberno local.

O plan de urbanismo permite aos propietarios o aproveitamento do inmoble para uso residencial, de oficinas ou equipamentos sen que teñan obrigación de manter as galerías actuais xa que non están previstas no planeamento.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora