O Concello de Caldas de Reis mellorará o camiño baixo a vía do AVE na Riba

Umia
18 de xuño 2026

A actuación busca recuperar o firme dunha vía moi empregada pola veciñanza e reforzar a seguridade

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis acometerá nos próximos días á reparación do camiño situado baixo a vía do AVE no lugar de A Riba, na parroquia de Godos, cun orzamento superior aos 20.000 euros.

A actuación busca recuperar o firme dunha vía moi empregada pola veciñanza e reforzar a seguridade tanto para vehículos como para peóns.

O proxecto inclúe a renovación do asfaltado do trazado, que presenta un importante deterioro tras as intervencións realizadas por ADIF para instalar medidas de insonorización na zona de paso do tren.

Segundo explicou o alcalde, Jacobo Pérez, esta obra responde a unha das peticións trasladadas polos residentes durante a rolda de encontros mantida polo goberno local nas parroquias do rural.

Os traballos serán executados pola empresa Covsa, adxudicataria do contrato tras o correspondente proceso de licitación, e está previsto que comecen proximamente.

O rexedor tamén avanzou que o Concello continúa impulsando outras melloras en distintos núcleos do municipio. Entre elas atópase a próxima adxudicación da reforma do camiño de San Martiño, na parroquia de Arcos da Condesa, unha actuación cun investimento próximo aos 90.000 euros.

Esta intervención permitirá mellorar o acceso ao núcleo e renovar as infraestruturas existentes, coa instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais e a colocación de novos elementos de drenaxe.

O proxecto contempla a retirada do firme actual, a instalación de colectores e sumidoiros lineais con reixa, así como a creación dun novo pavimento formado por unha base de formigón armado e unha capa final de pedra de granito.

A solución prevista inclúe pezas de granito colocadas en diferentes franxas, tanto na zona central da vía como nas marxes, co obxectivo de mellorar a durabilidade do camiño e evitar afeccións ás parcelas e peches próximos.

O Concello asumirá esta actuación, inicialmente comprometida pola anterior directiva da Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, coa finalidade de acelerar a súa execución. Pola súa banda, a entidade centrará os seus esforzos noutras tarefas de limpeza e mantemento na parroquia.

Ademais, o goberno local mantén avanzado o proceso para licitar a primeira fase da mellora dos servizos básicos na contorna da igrexa de San Clemente e nos lugares de Baltar e Faramontáns, onde se reforzará a rede de saneamento.

A estas obras súmase a previsión de recepcionar proximamente a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Fieitoso, unha infraestrutura que permitirá avanzar tamén na mellora do sistema de abastecemento.

Jacobo Pérez destacou que este conxunto de actuacións forma parte do compromiso municipal para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza do rural.