Concello e Musimarín colaboran para ampliar as instalacións de música do CEIP A Laxe

Marín
25 de agosto 2021

As concelleiras Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez visitaron o actual local da asociación cos seus representantes e a directora do centro escolar para supervisar a nova casiña que arranxarán de cara á súa utilización neste curso

O Concello de Marín ampliará as instalacións para as clases de música no CEIP A Laxe Concello de Marín

O inicio do curso escolar está ao virar a esquina e con el volverán actividades extraescolares como a música. Co obxectivo de mellorar as instalacións destinadas a esta materia no CEIP de A Laxe, o Concello e a Asociación Cultural Musimarín colaboran na ampliación das aulas.

Desde hai algo máis de dous anos, a escola de música, que conta con máis de 100 alumnos e alumnas, estaba a ocupar unha das antigas casiñas de mestres que se atopan no recinto educativo do CEIP da Laxe.  Agora, o goberno local colabora coa entidade para xestionar a ampliación de uso á casiña anexa, unha decisión que deberá contar co visto bo definitivo do Consello Escolar, Inspección educativa e do claustro de mestres.

As concelleiras de Educación, Marián Sanmartín, e de Cultura, Beatriz Rodríguez, visitaron hoxe as instalacións acompañadas dun representante da directiva de Musimarín e da directora do centro educativo, para coñecer as necesidades e demandas da banda de cara á preparación da nova casiña para a súa utilización.

Entre outras cousas, levaranse a cabo traballos de mantemento, de repintado e, sobre todo, de electricidade, para dotar dun novo sistema eléctrico ao novo local, que permite realizar as clases e os ensaios de xeito correcto.

Ambas as edís destacan a importancia de seguir “apoiando e apostando polo noso tecido cultural”, que ofrece formación a todo o seu alumnado e que permite dinamizar á vila.