O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez, reuniuse este xoves coa plataforma de veciños contra a ampliación da depuradora para avanzar na creación do Parque da Dignidade, que foi aprobado por unanimidade de todos os grupos municipais no pleno de novembro.
No encontro, no que participaron tamén técnicos municipais, acordouse a contratación dun técnico que redacte o proxecto deste novo parque, que incluirá os terreos do antigo campo de fútbol ademais das parcelas lindeiras, situadas entre a vía do tren, a autovía, a depuradora e a praza dos Praceres.
A reunión tamén serviu para definir as necesidades deste espazo, tendo en conta que se tratará dunha actuación branda e efémera, tal e como desvelou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, logo de manter un primeiro encontro con Costas.
Tamén se acordou que antes de tramitar a solicitude ante o departamento de Costas farase unha asemblea veciñal para presentar o proxecto e solicitar contribucións.
Os puntos de partida do proxecto son a creación dunha zona de estancia e de xogos, sendeiros para realizar actividade física e separar visualmente a zona da depuradora do resto do parque.
O Concello incorporou a estas peticións veciñais a memoria da parroquia na que se recolla as loitas contra Ence, contra o tren ou a recuperación da toponimia agochada baixo a ría.