O Concello de Marín denuncia unha vaga de roubos de cableado que afecta o alumeado público

Marín
18 de xuño 2026
Actualizado: 19 de xuño

O Concello está a traballar para repoñer as instalacións danadas coa maior brevidade posible, tanto cos medios propios da Brigada de Electricidade como coa colaboración de empresas externas

Cable de cobre recuperado pola Gardia Civil
Cable de cobre recuperado pola Gardia Civil

O Concello de Marín alertou de múltiples roubos de cableado do alumeado público en diferentes puntos do municipio.

Esta situación está a provocar problemas no funcionamento da rede eléctrica urbana e incidencias en numerosas zonas da localidade.

Segundo informou a administración local, foi a Brigada Municipal de Electricidade a que detectou estas subtraccións, rexistradas durante as últimas semanas.

O primeiro caso localizouse no Sequelo, onde desapareceron arredor de 50 metros de cable. Desde entón, os episodios multiplicáronse e estendéronse a outros puntos do termo municipal.

Entre as zonas afectadas figura o aparcadoiro de O Campo, onde se estima o roubo duns 200 metros de cable soterrado. Tamén se produciron subtraccións detrás do supermercado Mercadona, cun tramo aéreo de aproximadamente 30 metros, e na contorna dos petroglifos, onde desapareceron uns 40 metros de cableado enterrado.

Os técnicos municipais tamén detectaron danos en Portocelo, na área dos magnolios, onde os autores accederon á instalación tras retirar unha tapa de rexistro.

Ademais, na contorna da lavandería situada detrás do Sequelo, os ladróns escalaron un poste do alumeado para retirar outro tramo duns 30 metros.

O incidente máis recente produciuse na zona posterior ao Mercadona e na estrada que discorre por detrás do cemiterio, onde foron sustraídas as baixantes que incorporaban o cable de terra da nova instalación de iluminación LED.

Ante esta situación, o Concello presentou unha denuncia ante a Policía Nacional para que investigue os feitos.

Desde o goberno local sinalan que este tipo de delitos non son exclusivos de Marín e que tamén se están a rexistrar noutros municipios da provincia.

O executivo municipal subliña que, aínda que a cantidade de cable roubada non sexa especialmente elevada en cada actuación, as consecuencias para o servizo son importantes. A desaparición destes elementos pode provocar a interrupción do funcionamento de varias rúas enteiras e deixar sen iluminación entre vinte e trinta puntos de luz.

Mentres continúan as investigacións, o Concello traballa na reparación das instalacións afectadas mediante os recursos da Brigada de Electricidade e co apoio de empresas especializadas, co propósito de restablecer canto antes o correcto funcionamento do alumeado público.