A Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Poio mantén aberta a súa oferta de actividades para o curso 2025-2026, cunha programación diversa pensada para promover hábitos saudables, a participación social e o benestar físico e mental da veciñanza.
Pilates, corte e confección, coro, talleres de memoria ou clases de teatro son algunhas das propostas que forman parte deste programa, que se desenvolve ao longo de todo o ano e en diferentes parroquias do municipio.
Aínda quedan prazas dispoñibles en varias destas actividades, e as persoas interesadas poden obter máis información no Pazo de Besada ou chamando ao teléfono 986 872 401.
A edil de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, destaca que se trata dunha programación "variada, atractiva e moi interesante", que busca mellorar a calidade de vida da cidadanía.
"É importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nun maior benestar persoal e social", sinalou a concelleira, quen tamén puxo en valor o traballo do equipo de Servizos Sociais para facer posible esta oferta.
As clases de tai-chi impártense na Casa Rosada os luns, mércores e venres, ás 10:00 e 11:00 horas, cun prezo mensual de 12 euros. No mesmo espazo tamén se realizan sesións de ioga os martes e xoves ás 9:15 horas, e de pilates os mesmos días, ás 10:30, 19:15 e 20:30 horas.
Estas dúas últimas actividades teñen unha cota mensual de 30 euros e organízanse en colaboración coa Asociación de Mulleres Airiños do Mar de Combarro.
As clases de corte e confección desenvolveranse os luns e mércores ás 17:00 e 19:00 horas na Casa Rosada, cun custe de 25 euros ao mes. É necesario que o alumnado dispoña dunha máquina de coser portátil ou que poida compartila con outra persoa inscrita.
Tamén na Casa Rosada terá lugar o grupo de teatro para adultos, que se reunirá os venres de 19:30 a 21:00 horas, así como o coro de maiores, previsto para os xoves de 17:00 a 19:00 horas.
No caso do taller de memoria, dirixido preferentemente a persoas maiores de 60 anos, impartirase os luns e mércores de 17:00 a 19:00 horas, cunha cota reducida de 10 euros ao mes.
A programación complétase coas clases de labores do mundo, organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas, que inclúen técnicas como bordado, calceta, crochet, patchwork ou punto iugoslavo. Celebraranse os venres de 17:00 a 20:00 horas, cun custo mensual de 25 euros.
PROGRAMA SAUDEMENTE
Un dos alicerces do programa municipal é o proxecto Saudemente, que promove o envellecemento activo a través de actividades itinerantes nos lugares da Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira, Vilariño e, por primeira vez este ano, tamén na Ucha.
Ademais, o Concello mantén en funcionamento os talleres de prevención do alzhéimer e promoción da saúde, en colaboración con AFAPO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra). Dirixidos a persoas maiores de 55 anos, impártense os venres de 10:00 a 12:00 horas na Casa dos Guardeses, na finca do Pazo Besada, e forman parte do Plan Social de Ence.
O Concello de Poio tamén se sumou á campaña estatal "Máis vidas para a túa vida", impulsada pola CONFEMAC (Confederación Estatal de Maiores Activos), que promove o voluntariado entre as persoas maiores.
A iniciativa busca visibilizar o valor da experiencia, do tempo e da enerxía das persoas maiores como motores de cambio social.
Desde a concellería destacan que o voluntariado non só beneficia á comunidade, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento persoal e emocional das persoas participantes, reforzando o seu sentido de pertenza e utilidade.