O Concello de Pontevedra perde un litixio pola taxación dunha leira e deberá pagar cinco veces máis do previsto

Pontevedra
04 de novembro 2025
Actualizado: 19:22

O portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, cargou contra a xestión do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, tras recibir este "novo pau da xustiza"

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda /

O Concello de Pontevedra terá que abonar 991.559 euros a un particular por unha leira de 480 metros cadrados na rúa Bibiano Fernández Osorio Tafall.

A Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente abordou este martes esta decisión xudicial que dá a razón ao propietario deste terreo que litigou contra o Concello de Pontevedra a tasación de 217.000 euros que a administración local fixo do solar.

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, cargou contra a xestión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras recibir este "novo pau da xustiza" que multiplica case por cinco o valor a pagar por esta expropiación.

A compra da parcela sairá por "máis de 2.000 euros o metro cadrado, ao prezo do que custaría un piso en pleno centro de Pontevedra", sinalou Domínguez.

Este particular fixo valer o dereito á expropiación por Ministerio de Lei. Desde 1989, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) reserva estes terreos para usos dotacionais, pero o Concello nin executou esta opción nin compensou ao propietario.

Para o portavoz do PP, "o máis grave non é só o custo económico, senón a desidia e inacción sistemática do goberno local do BNG durante máis de tres décadas de bloqueo do desenvolvemento urbanístico da cidade".

Os concelleiros populares afearon a "xestión opaca, improvisada e custosa" do goberno da capital por actuar "a golpe de sentenza, sen planificación, sen diálogo cos afectados e sen previsión orzamentaria".