O Concello de Pontevedra sumou un novo terreo ao seu patrimonio municipal. Trátase dunha parcela de 300 metros cadrados situada entre o estadio de Pasarón e o último tramo da avenida de Compostela.
A operación, aprobada este xoves pola Xunta de Goberno Local, supón un desembolso de 70.000 euros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a adquisición se produce tras unha solicitude de expropiación por ministerio de lei, unha figura legal que permite aos propietarios esixir ao Concello a compra dos seus terreos se estes están clasificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal como zonas verdes ou viais, onde non se pode construír, e non foron desenvolvidos nos cinco anos posteriores á aprobación do plan.
Dado que o documento urbanístico vixente en Pontevedra data de 1989, varios solares acóllense actualmente a este procedemento, como xa ocorreu no Gorgullón, Os Gafos ou O Castañal, entre outros exemplos.
No caso desta parcela fronte ao estadio, Lores destacou que o seu acondicionamento contribuirá a mellorar a contorna de Pasarón, unha zona que até agora mostraba certo abandono.
O Concello prevé actuar de forma inmediata no terreo para arrombar o acceso ao viaduto peonil que conecta o campus universitario co estadio, unha pasarela que será retirada no futuro cando se execute a reforma integral da avenida.
Esta compra enmárcase, ademais, na cesión da titularidade da avenida de Compostela e de todo o tramo da estrada N-550 entre Pasarón e Alba, un eixo de 3,2 quilómetros que o Concello quere adaptar ao seu modelo urbano.
Entre as medidas previstas figuran a redución do límite de velocidade de 80 a 30 km/h e a humanización do espazo viario.
O goberno local ten previsto contratar unha asistencia técnica que propoña posibles alternativas para a humanización da avenida de Compostela, segundo avanzou Lores, subliñando que o obxectivo é transformar esta vía nun espazo máis amable e seguro para peóns e ciclistas.