Suspenden un xuízo por pornografía infantil en Pontevedra tras o falecemento do acusado

O Salnés
04 de novembro 2025
Actualizado: 13:45

A vista non se chegou a celebrar "por extinción da responsabilidade penal, ao falecer o acusado", segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Grupo de delitos telemáticos da Policía Nacional
Grupo de delitos telemáticos da Policía Nacional

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tiña previsto celebrar este martes o xuízo contra un veciño de Vilagarcía de Arousa acusado d difundir material de pornografía infantil.

Con todo, a vista non chegou a celebrarse debido ao falecemento do acusado, o que supuxo a extinción da súa responsabilidade penal, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A Fiscalía solicitaba para o home unha condena de oito anos de prisión por un delito de distribución de pornografía infantil, ademais de nove anos de liberdade vixiada, con prohibición de desempeñar actividades que implicasen contacto con menores e a obrigación de participar en programas de educación sexual.

O acusado fora detido no marco da operación policial Cuervo, desenvolvida pola Policía Nacional entre 2020 e 2021.

Durante a investigación, os axentes detectaron que o sospeitoso utilizaba un programa informático para descargar e compartir varios arquivos con contido sexual explícito protagonizado por menores "de moi curta idade e aspecto prepuber".

No rexistro do seu domicilio, os axentes interviñeron o computador desde o que presuntamente distribuíra os arquivos.

A análise do dispositivo permitiu localizar 287 vídeos ou arquivos similares, dos cales 83 serían compartidos.

En moitos deles aparecían menores realizando tocamentos e outras prácticas sexuais.

Ademais da pena de prisión, o Ministerio Público solicitaba doce anos de inhabilitación para calquera profesión ou oficio que implicase contacto directo con menores, así como o comiso do computador e do disco duro intervidos e o pago das costas do proceso.