O Concello, preocupado polo caudal do Lérez: "Este nivel non o vemos habitualmente ata agosto"

Pontevedra
25 de xuño 2026

A portavoz municipal, Eva Vilaverde, revelou este xoves que o nivel actual de auga situaría xa a Pontevedra rozando o estado de alerta. "É bastante preocupante para ser xuño", asegura

Estación de bombeo no río Lérez Mónica Patxot

Apenas acaba de comezar oficialmente o verán e Concello de Pontevedra xa mira preocupado cara ao río Lérez ante o baixo caudal de auga da principal vía de abastecemento da cidade.

"A situación é bastante preocupante para ser xuño. A verdade que este nivel de caudal non o vemos habitualmente ata agosto", avanzou a portavoz municipal, Eva Vilaverde, tras tratar este asunto na Xunta de Goberno Local.

"Este ano foi un abril moi seco, en maio choveu algo pero non o suficiente e este mes igual está sendo moi seco ata hoxe", xustificou a edil tras un informe elaborado por técnicos municipais.

Segundo Vilaverde ao actual nivel de auga do río Lérez está xa moi por baixo do caudal ecolóxico do río, alcanzado por última vez o día 25 de maio.

Tamén é inferior ás cifras que ocasionarían a declaración de prealerta desde mediados do mes de xuño.

De feito rozaríase a situación de alerta por escaseza de auga, aínda que estes aspectos deben ser confirmados por Augas de Galicia, sendo a administración autonómica a competente á hora de establecer os estados de emerxencia.

A pesar desta situación, o Concello non expón aínda medidas preventivas para reducir o consumo de auga, e esperará uns días para ver como evoluciona a situación.

En todo caso, Eva Vilaverde quixo tranquilizar á cidadanía posto que "Pontevedra ten un sistema de abastecimento de auga moi robusto".

Neste sentido a portavoz municipal revelou que o encoro de Pontillón do Castro está nun nivel de ocupación de "preto do 90%", ao que se suma a maiores "o recurso de ENCE porque como ben sabedes, o abastecemento de auga potable ten prioridade lóxicamente sobre o industrial".

De chegar a esta situación, pechando a captación de auga da pasteira "danos unha marxe moi grande porque ENCE gasta máis do doble de auga que a veciñanza toda de Pontevedra", asegurou a representante do goberno local.