Ao longo da xornada deste luns espérase deixar en condicións de seguridade a estrutura do edificio incendiado a pasada semana na rúa Riestra para poder abrir este viario o martes. Esa é a previsión que manexa o Concello de Pontevedra, segundo anunciou este luns a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.
A edil informou que os labores de demolición xa completaron a retirada da cuberta do inmoble e avanzan coa bufarda. Durante a mañá deste luns tamén se procedeu ao desmonte da parte superior do muro do núcleo da escaleira. Todos estes elementos da construción preocupaban aos técnicos polo risco de colapso.
O resto da estrutura do edificio será apontoada "para que quede en condicións de seguridade" e será a partir de entón cando se levante o precinto da Policía Local na rúa Riestra.
Até en tres ocasións rompeuse este precinto por parte da cidadanía, segundo constataron os axentes municipais. Eva Vilaverde lembrou que a rúa permanece pecha para evitar danos persoais por ante un posible desprendemento.
O pasado venres pola noite os bombeiros tiveron que acudir ao edificio sinistrado para arrefriar algún panel da cuberta da que saía algo de fume. Tamén durante o fin de semana os operarios de Viaqua procederon a cortar a subministración de auga ao inmoble porque rebentou unha tubaxe.
Eva Vilaverde aproveitou esta comparecencia para reiterar un aviso á cidadanía sinalando que "si hai un valado e está precintado é por algo. Os bombeiros, os técnicos municipais, así o determinaron por cuestións de seguridade" polo que saltarse ese peche "pode ter consecuencias" tanto físicas, en caso de accidente, como económicas xa que "poden ser denunciados pola Policía".
POLÉMICA
Á marxe desta información, Eva Vilaverde tamén saíu ao paso das críticas do Partido Popular que esixiu o "reforzo urxente" do persoal de bombeiros tras o incendio en Marqués de Riestra.
Nestes momentos o Concello ten en marcha o proceso para cubrir "a única praza que nos queda vacante", que é a de sarxento, "falamos dun cadro de persoal de 42 persoas" o que, segundo o goberno local, supón que "o persoal dos Bombeiros está dimensionado para unha cidade como Pontevedra", coa súa poboación, superficie e características.
Eva Vilaverde afirmou que as críticas do Partido Popular son "un pouco de chiste" e sinalou que o PP xestiona o Consortico provincial de Bombeiros, a través da Xunta e a Deputación, "e ten unha cobertura moito peor" polo que cualificou de "faltas de rigor ou irresponsables" estas apreciacións sobre o servizo municipal.
Segundo os datos ofrecidos por Eva Vilaverde, un bombeiro provincial cobre a 5.300 persoas "mentres aquí, neste concello, cubrimos 2.000 por bombeiro" e en canto a superficie, os provinciais teñen asignados 38 km² por cada bombeiro mentres que na capital son menos de 3 km² por bombeiro.
Finalmente, a concelleira nacionalista engadiu que nos últimos 4 anos o parque municipal de Pontevedra reforzou e atendeu en 66 ocasiones necesidades noutros municipios que non puideron ser atendidas polo Consorcio provincial mentres que "a nós viñeron 4 veces e en situacións moi graves. Entón, quen teñen que reforzar son eles".