A paisaxe costeira galega vén de dar un paso máis cara á súa protección. A Xunta avanza na posta en marcha do novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, un documento que recolle 1.582 elementos repartidos ao longo da costa e que destacan polo seu interese patrimonial, arquitectónico, industrial ou cultural. O obxectivo é identificar, preservar e abrir a porta a novas vías de recuperación dun legado que forma parte da identidade do territorio.
Máis da metade dos elementos inventariados (en concreto, 812, o 51,3%) pertencen ás categorías arquitectónica e industrial. Trátase de bens tan diversos como faros, muíños, antigas fábricas ou construcións ligadas á actividade marítima, que poderían acoller no futuro novos usos compatibles coa súa protección. A Administración autonómica destaca que esta aposta pola reutilización ordenada non só garante a conservación, senón que tamén pode contribuír ao desenvolvemento sostible e á revitalización das zonas costeiras.
Na ría de Pontevedra identificáronse 196 elementos de interese, entre eles o Camiño de Pedra Picada en Lérez, a Ponte do Burgo, o Colexio Sagrado Corazón dos Praceres, a Ponte Nova da Ullo, a ponte medieval de Ponte Sampaio, a antiga Fábrica da Pontesa ou a Illa de Medal. Conxuntos que combinan historia, natureza e arquitectura e que conforman unha parte esencial da memoria colectiva da comarca.
Pola súa banda, a Oficina Técnica de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Pontevedra elaborou un informe no que propón á Consellería de Medio Ambiente ampliar o catálogo con varios elementos que, ao seu xuízo, tamén merecen protección pola súa singularidade.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, o Concello solicita que se incorporen o Pabellón de Deportes, o Pazo da Cultura e o Recinto Ferial. Tamén pide incluír o edificio orixinal, de estrutura elíptica, da gasolineira de O Burgo, así como o Mercado da rúa Sierra.
A proposta complétase con dous espazos emblemáticos como son a Illa das Esculturas, convertida en museo ao aire libre, e a antiga nave de piragüismo de Ponte Sampaio, situada á beira do río Verdugo.
O resultado final definirá un catálogo que aspira a ser a folla de ruta para preservar e poñer en valor o patrimonio costeiro galego nas vindeiras décadas.