O Concello de Poio quere poñer sobre a mesa, con detalle e calendario, o conxunto de actuacións previstas para transformar a mobilidade e os servizos na Caeira e en Boavista. Para iso, convocou unha xuntanza aberta coa veciñanza que terá lugar o xoves 5 de marzo, ás 20.00 horas, nas instalacións do Liceo Casino na Caeira.
O alcalde, Ángel Moldes, subliña que a cita busca ofrecer información "de primeira man" sobre un plan integral pensado para unha das zonas de San Salvador que, ao seu xuízo, leva décadas precisando unha intervención ambiciosa.
A intención do goberno local é explicar polo miúdo tanto os proxectos como o seu cronograma de execución, ao tempo que resolve as dúbidas que poidan formular as persoas asistentes.
Entre as actuacións máis inmediatas figura a remodelación do entorno das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén.
O proxecto, que se incorporará ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, contará cun investimento de 800.000 euros.
A intervención permitirá renovar pavimentos deteriorados e mellorar a accesibilidade, adaptando o espazo público ás necesidades actuais. Ademais, prevese revitalizar a zona infantil e deportiva existente.
A mellora das infraestruturas hidráulicas será outro dos eixos centrais. O futuro contrato da auga, actualmente en proceso de licitación, inclúe actuacións nas rúas Illa de Ons, Illa de Tambo, Río Miño e San Antoniño.
As obras contemplan a instalación e renovación de redes de saneamento, abastecemento e pluviais, así como a reposición do firme e das beirarrúas, co obxectivo de modernizar servizos básicos e mellorar a seguridade viaria.
A maiores, o executivo local lembrou as intervencións xa realizadas na Caeira e en Boavista en colaboración coa empresa Zoe Home e co Club de Tenis de Poio. Estes traballos, centrados na mellora do saneamento e das redes de pluviais, supuxeron un investimento de 72.026 euros.
Desde o Concello insisten en que a reunión será un espazo participativo. "Os veciños son quen vai convivir día a día coas actuacións", sinala Moldes, que considera fundamental que coñezan en profundidade o proxecto e poidan trasladar as súas inquedanzas antes de que as obras entren en fase de execución.