Concentración contra a represión sindical, sen Ana e Tamara

Pontevedra
22 de maio 2014

Delegados dos tres sindicatos maioritarios, UGT, CIG e CC.OO., concentráronse ante a Audiencia de Pontevedra para denunciar os últimos casos de traballadores que foron condenados a prisión por participar en piquetes

Amigas e compañeiras reclaman o indulto de Ana e Tamara PontevedraViva

Ao redor de trescentos delegados sindicais de CIG, CC.OO. e UGT de Pontevedra e Vigo concentráronse ás 11.00 horas ante a Audiencia de Pontevedra durante a mañá deste xoves 22 para protestar contra a represión sindical que, segundo denuncian dende as centrais, vénse producindo durante os últimos anos e que finalizaron con sentenzas como a que condena a tres anos de prisión as empregadas das piscinas de Campolongo, Ana María González e Tamara Vidal, ou os traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, condenados tamén a 3 anos de cárcere por un delito contra o dereito dos traballadores.

Ana e Tamara non asistiron á concentración. Ás 10.00 horas reuníanse co presidente da Deputación, Rafael Louzán, que confirmou que levará ao próximo pleno unha moción para pedir o indulto das dúas mozas. A continuación, as dúas decidiron non asistir a esta concentración contra a represión sindical. José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., explicaba que están "pasandoo mal porque non son sindicalistas. Son dúas traballadoras que decidiron sumarse a una convocatoria de folga defendendo as súas reivindicacións e van ter que ingresar en prisión. Polo tanto, enfrontarse a esta situación é difícil e non todos os días son iguais. Manter esta situación de tensión, a verdade é que lles custa".

Non obstante, un grupo de compañeiras de traballo e amigas achegáronse con camisetas nas que se podía ler "Todas con Ana e Tamara" e reclamando con cánticos o indulto das dúas traballadoras das piscinas. Dúas das integrantes do grupo manifestaban que ambas as dúas "son unas profesionales y personas extraordinarias que no se merecen lo que les está pasando. Se encuentran hundidas y tristes; en el caso de Tamara, que está embarazada, muchísimo peor. Duele muchísimo que esto les pueda estar pasando"..

O antropólogo Francisco Calo foi o encargado de ler un manifesto contra estas sentenzas e sinalou que é "unha proba evidente da degradación á que nos está levando o goberno do Partido Popular".

O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, apuntou que por parte do Goberno se intenta "demonizar os sindicatos e os dereitos dos traballadores. Está lembrándome a miña xuventude cando saíamos a rúa para defender pola liberdade e agora estamos involucionando cara ese momento". Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, apuntou que "están ameazando para que a clase traballadora non saia a rúa. Nós estamos convencidos de que ante estas ameazas temos que saír a rúa e nin un paso atrás e seguir adiante porque a loita de clases está máis viva que nunca".

Serafín Rodríguez, un dos dous traballadores de Vigo condenados tamén a tres anos de cárcere, acudiu a esta concentración á que asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao igual que outros concelleiros do goberno local.