Concentración de CCOO ante a Cámara de Comercio para reclamar suba de salarios e control dos prezos

Pontevedra
07 de outubro 2022

Coincidindo co Día Internacional do Traballo Decente, delegados sindicais da comarca protagonizaron un acto de protesta reclamando xustiza salarial para que se poida manter o poder de compra das clases traballadoras ante a suba dos prezos que consideran desbocada

Reclamación de xustiza salarial de CCOO diante das portas da Cámara de Comercio PontevedraViva

Delegados do sindicato Comisións Obreiras en Pontevedra realizaban este venres 7 un acto de protesta diante da Cámara de Comercio de Pontevedra situada nos Xardíns de Vicenti. Estaba previsto que acudisen delegados da comarca de UXT, pero finalmente non asistiron a esta cita para sumarse á concentración convocada tamén en Vigo.

A protesta coincide co Día Internacional do Traballo Decente e é a primeira das mobilizacións que se promoven desde CCOO, que terá continuidade con asembleas nos centros de traballo e cunha gran manifestación en Madrid o 3 de novembro.

Pilar Mosquera, nova secretaria comarcal de CCOO, demandaba a necesidade de xustiza salarial nun momento de crise económica e social que provocou un crecemento da inflación e do custo da vida desbocados.

"Hai familias que non poden chegar a fin de mes e outras nin aos produtos básicos e iso hai que tentar remedialo", afirmou a representante sindical que demanda ás patronais que retomen as conversacións da negociación colectiva, unha subida dos salarios e o control dos prezos.

Alertan de que na última década se rexistrou un incremento das grandes riquezas mentres que, cada día, pasan 700.000 persoas á pobreza. "A riqueza hai que repartila de maneira que evitemos que as familias con menos recursos poidan chegar ao básico", expón Pilar Mosquera ante un inverno que se presenta complicado: "a xente xa está a falar de suspender as calefaccións porque ten medo a poder pagalas, xente maior e familias con nenos e hai que loitar para que iso non suceda".

Entenden que a subida de salarios tamén contribuiría a xerar consumo e emprego evitando o empobrecemento da clase traballadora.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora