Integrantes do colectivo Comando Mazá, de recente constitución, concentrábanse este mércores ao serán ante o edificio da Subdelegación de Goberno para manifestar o rexeitamento ao novo caso de violencia machista que se producía na madrugada do luns en Pontevedra.
O grupo levaba a cabo este acto para facerlle chegar o apoio incondicional do colectivo feminista á veciña agredida e aos seus fillos. Desde Comando Mazá lamentouse o branqueamento da violencia machista dentro da axenda política e quixeron mostrar o rexeitamento radical ao agresor, o veciño de Monte Porreiro que acoitelaba á muller e que este mércores ingresaba en prisión.
As persoas manifestantes reclaman unha condena pública e colectiva desde todos os ámbitos, tanto institucional como socialmente para afrontar o problema estrutural da violencia machista. Piden que non haxa máis agresións contra as mulleres sen resposta nas rúas.