O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, xunto cos portavoces de todos os grupos da corporación municipal e acompañados dunhas duascentas persoas máis, participaron este venres ao mediodía na concentración que tivo lugar diante do centro de saúde de Cuntis, pola falta do servizo de Pediatría.
Manuel Campos valora moi positivamente esta concentración e a resposta dada polos veciños de Cuntis que consideran que este servizo é esencial para o municipio xa que, nestes momentos teñen que trasladarse a Caldas de Reis para que os seus nenos poidan ser atendidos polo médico.
O rexedor trasladou esta demanda ao delegado territorial da Xunta, Jose Manuel Cores Tourís, e este asegurou que o servizo será reposto o antes posible en canto se atope un pediatra que poida cubrir dita praza.