Concesión de 137.000 para mellorar o viario entre Ribalta e A Chan de Beseiro

Pontevedra
15 de xuño 2026
Actualizado: 16 de xuño

A axuda autonómica pemitirá mellorar a seguridade e a mobilidade na zona. A obra tamén inclúe a reposición de servizos e a instalación dun sistema de recollida de augas pluviais

Jorge Cubela, no vial entre Ribalta e Beseiro Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo Cotobade executará a primeira fase da ampliación e mellora do viario que conecta o lugar de Ribalta con A Chan de Beseiro grazas a unha subvención de 137.000 euros concedida pola Consellería de Medio Rural.

Así o anunciou o alcalde, Jorge Cubela, quen destacou que esta actuación permitirá reforzar a mobilidade e a seguridade na zona.

A axuda autonómica permitirá financiar a intervención sobre a vía municipal, mentres que o importe correspondente ao IVE será asumido a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Antes da tramitación do proxecto, o Concello levou a cabo un proceso de negociación cos propietarios dos terreos afectados, logrando a cesión de todas as parcelas necesarias, un paso imprescindible para poder executar as obras.

Os traballos contemplan a ampliación da plataforma do viario co obxectivo de facilitar o paso de vehículos, especialmente os de emerxencia, e mellorar as condicións de circulación.

Ademais, incluirase a reposición de servizos e a instalación dun sistema de recollida de augas pluviais que permitirá optimizar a drenaxe e a conservación da infraestrutura.

Cubela subliñou que esta intervención responde a unha demanda veciñal e é froito dun traballo previo "clave" por parte do Concello.

"Trátase dun investimento que mellorará a seguridade, a accesibilidade e a calidade das comunicacións nesta contorna rural", sinalou.

O rexedor tamén incidiu na importancia da colaboración entre administracións para sacar adiante este proxecto, que constitúe a primeira fase dunha actuación máis ampla orientada a adaptar a vía ás necesidades actuais e a favorecer o desenvolvemento e a cohesión territorial do municipio.